"La ilusión conyugal", teatro en Pontevedra con Alejo Sauras, Álex Barahona e Ángela Cremonte
Por Redacción
A tempada teatral de Afundación en Pontevedra comezará o vindeiro venres 2 de febreiro. Farao coa obra La ilusión conyugal, que se representará no auditorio da entidade a partir das oito e media da tarde.
La ilusión conyugal, dirixida por Antonio Hortelano, é unha obra que fala das relacións de parella, as amizades e as mentiras. Está protagonizada polos actores Alejo Sauras (Los Serrano), Álex Barahona (Amar es para siempre) y Ángela Cremonte (Las chicas del cable).
Nela, María (Ángela Cremonte) espera ao seu marido, Maxi (Alejo Sauras), na casa. Cando chega, ela proponlle un xogo. Saber en que punto está a súa relación despois de tantos anos de monotonía. O xogo consiste en saber cantos amantes tiveron durante o seu matrimonio.
A partir de aquí sairán a relucir as miserias, mentiras e infidelidades das que foron obxecto durante a súa relación, ata chegar a conseguir quitarse a máscara e mostrarse, dunha vez por todas, como son en realidade.
Trátase dunha función, segundo os seus creadores, cun diálogo directo, cheo de sorpresas e revelacións, cun sentido do humor único para contar verdades sobre a condición humana e como as aparencias enganan.
Nun só espazo, o salón dunha casa, os personaxes e a acción contan unha historia enrevesada a través do uso da comedia teatral.