"No se me olvida", a canción que Yoly Saa levará ao Benidorm Fest
Por Alejandro Espiño
O Benidorm Fest quenta motores. Tras semanas de espera, o público coñeceu este xoves as cancións cos que competirán os dezaseis artistas seleccionados para a terceira edición deste certame, do que sairá a aposta de España para o próximo festival de Eurovisión.
Unha das participantes é a cantautora pontevedresa Yoly Saa, que se presenta con No se me olvida, unha canción lenta cunha gran carga emocional coa que planea conquistar ao público e na que a súa voz é, sen dúbida, a protagonista absoluta.
"Que me hiciste llorar un mar, a mí no se me olvida"
— Benidorm Fest (@BenidormFestTVE) December 14, 2023
Así suena “No Se Me Olvida” de Yoly Saa (@YolySaaFi), la canción con la que se presenta al #BenidormFest2024
¡Escúchala completa! https://t.co/g5CPK66qJu
#ElFestivalQueQuieres |#BenidormFest pic.twitter.com/UDf7H6VoRg
A propia Yoly Saa asegura, en declaracións a RTVE, que este é o seu mellor tema ata o momento.
"É unha bomba emocional de son pop-folk como unha especie de mantra persoal para lembrarse a si mesma todo o que sufriu, sentimentos que non quere volver sentir", subliñan desde a organización do festival.
Será unha canción na que incorpora elementos na produción que nunca antes utilizara e un acompañamento rítmico moi enérxico e épico a base de taikos, os coñecidos como tambores xaponeses.
No se me olvida está producido por Ale Acosta, membro de Fuel Fandango, e Khottom Palm, quen participou tamén na harmonía e na composición xunto a Yoly Saa.
A canción sorprenderá, segundo a artista pontevedresa, tanto pola carga emocional da súa letra como polo seu potente e atractiva posta en escena e busca marcar unha nova etapa na súa carreira musical, que arrancou profesionalmente en 2020 co EP Magma.
Este traballo incluía Todo contigo, un dos seus temas máis famosos, con máis de sete millóns de reproducións en Spotify. Dous anos máis tarde, en 2022, lanzou o seu álbum debut. Once cancións conforman A golpes de fe, como Salvavidas, Cuando yo estoy lejos o Galicia, unha homenaxe á súa terra que interpreta en acústico con Luis Fercán.
A terceira edición do Benidorm Fest celebrará as súas semifinais os próximos 30 de xaneiro e 1 de febreiro. O culmen do certame chegará o 3 de febreiro, cando na gran final coñeceremos ao sucesor ou sucesora de Blanca Paloma.
Relacionadas:
-
Yoly Saa e o seu "No se me olvida" quedan fóra da final do Benidorm Fest
Por Alejandro Espiño |
-
Yoly Saa, do Poio Pescamar ao escenario do Benidorm Fest: "Queremos desexarlle toda a sorte do mundo"
Por Diego Espiño |
-
O Benidorm Fest 2024 terá talento pontevedrés: Yoly Saa entra na loita para representar a España en Eurovisión
Por Natalia Puga |