Carlos Martínez-Peñalver: "Estar en Novos Cinemas é como volver á casa cos deberes feitos"
Por Alejandro Espiño
Coa proxección de "Á procura da estrela" do director vigués Carlos Martínez-Peñalver comezou este martes a oitava edición de Novos Cinemas, o festival internacional de cinema de Pontevedra, que se celebrará ata o vindeiro domingo.
Martínez-Peñalver, que participa fóra de concurso, agradeceu que este festival fora o primeiro que os acolleu como proxecto en desenvolvemento xa que os seus primeiros pasos deunos no LAB -a incubadora cinematográfica- de Novos Cinemas en 2019
A súa película, rodada na Serra da Estrela portuguesa, a medio camiño entre o documental e a ficción, protagonizou a sesión inaugural do festival, mostrando a historia dun viaxeiro que busca rexistrar os sons en vías de extinción da montaña máis alta de Portugal.
"É como volver á casa cos deberes feitos", explicou a PontevedraViva o director, que aos seus 33 anos xa traballou na montaxe de películas de cineastas consagrados como Oliver Laxe, Carla Andradre, Andrés Sanjurjo ou Fernando Gómez-Luna.
A súa proxección en Novos Cinemas, tras a súa estrea hai un par de semanas no Festival Internacional de Cine de Xixón, supón o debut en Galicia desta cinta, o que para o seu creador "ten un valor emocional engadido moi forte".
Con "Á procura da estrela", Carlos Martínez-Peñalver buscaba rodar "nun sitio que non coñecía" e acabou atopando "por azar" un lugar ao que define como "espello de Galicia" no que se topou cunha lenda, a do pastor e a estrela, que quixo reinterpretar nesta película.
"Quería falar dos problemas que vive a Serra da Estrela e todos os paraísos naturais de expropiación da montaña, de mercantilización da contorna rural", detallou o director.
A película está protagonizada polo actor Joel Fontán, que dá vida a Xoel, un fonografista ao que unha misteriosa melodía fará que se perda no macizo e que, segundo Martínez-Peñalver, "é un alter ego meu" pero tamén representa a todos os "urbanitas modernos" que buscan transitar nun espazo natural "para buscar a sanación".
Relacionadas:
-
Ángel Filgueira pechou a Edición 08 de Novos Cinemas coa estrea galega de 'Cando toco un animal'
Por Redacción |
-
A ruandesa 'The Bride' triunfa como mellor película e mellor dirección no festival Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Novos Cinemas, o festival que busca "subir un chanzo máis" coa súa oitava edición
Por Alejandro Espiño |
-
Berio Molina asina a cabeceira da Edición 08 de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Trece películas, sete delas estreas en España, competirán nun Novos Cinemas "bastante equilibrado"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Novos Cinemas acollerá o primeiro foco dedicado a Katrin Rothe, pioneira na animación por Internet
Por Redacción |
-
Novos Cinemas #8 vai desenvolverse entre o 12 e o 17 de decembro
Por Redacción |