Os cantos de taberna máis solidarios
Por Alejandro Espiño
Máis de 80 músicos subirán ao escenario ao longo de dúas xornadas distintas, o 22 e o 29 de decembro, a primeira edición do Concerto Quilo Solidario, un festival no que participarán distintos grupos de Pontevedra e da súa comarca.
Serán catro agrupacións que fixeron dos cantos de taberna o seu aceno de identidade, a banda de gaitas O Son da Pedra Meiga, o grupo de cantos de taberna Cantanascroas, o grupo de cantos tradicionais Muíños da Ponte e o orfeón galego Aires da Castrelada.
O festival articúlase a través de dous concertos, primeiro na Casa Verde de Salcedo o venres 22 de decembro ás 21:00 horas; e o venres 29 de decembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.
A entrada para ambos os dous días é a mesma: entregar un quilo de comida non perecedoira. Iso si, todo aquel que queira entregar unha maior cantidade poderá facelo.
"É unha honra axudar a realizar este tipo de actividades solidarias, máis aínda no tempo de Nadal no que estamos", destacou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, que presentou o concerto acompañado de Andrés Lorenzo, director musical do evento.
Lorenzo subliñou que "imos tentar pasar un bo anaco de tempo, gozar entre todos e todas, e que a xente poida, tamén, colaborar con nós cantando as cancións".