Lores lamenta que o presidente da Xunta recomende ao Concello "que abandone o seu dereito a defender a ría"
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, respondía este mércores ás declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nas que convidaba ao Concello de Pontevedra a evitar a presentación de recursos xudiciais contra a decisión do Tribunal Supremo de aprobar a prórroga de Ence en Lourizán ao entender que "habería que deixar que, con todos os requirimentos ambientas máis estritos, unha industria moi importante para Pontevedra e toda Galicia poida traballar e crear riqueza con toda a seguridade xurídica".
O rexedor pontevedrés lamentou que o vicepresidente Francisco Conde e o máximo dirixente da Xunta, Alfonso Rueda, recomenden ao Concello a que "abandone o seu dereito a defender a ría". A continuación, Lores preguntábase cal foi a proposta durante o últimos catorce anos do Partido Popular no executivo galego en relación coa actividade económica e industrial da capital do Lérez.
Afirmou que desde a Xunta de Galicia se puxeron todas as trabas do mundo para sacar adiante o polígono do Vao 2; rexeitouse a ampliación do polígono do Campiño; e non se impulsaron actuacións industriais no municipio desde a administración autonómica.
Lores: "Non sei que lle fixo Pontevedra ao Partido Popular"
"E saen o vicepresidente económico e conselleiro da Xunta e o presidente, que viven en Pontevedra, a dicir o que temos que facer respecto ao noso territorio porque queremos recuperar a ría", expuxo Fernández Lores. "Non sei que lle fixo Pontevedra ao Partido Popular", sinalou o alcalde confirmando que non se realizou ningunha actuación en relación á creación de postos de traballo, espazos industriais nin ampliación de polígonos durante os últimos anos en Pontevedra.
"É sorprendente e mostra o pouco interese que ten Pontevedra para o PP", argumentou o rexedor que continuou criticando a actitude dos máximos responsables da Xunta: "e despois non se cortan en criticar a actitude do Concello, que responde a unha parte importantísima da cidadanía, de rescatar a ría; na liña do que se discute no mundo en canto a reubicación de empresas que están mal colocadas, loita contra o cambio climático e recuperación de zonas marítimo terrestres".
Lores afirmou que o Concello continuará na mesma liña: "vamos loitar por terra, mar e aire coa esperanza de que se atendan os argumentos xurídicos porque a apertura de expediente da Unión Europea nos dá esperanza de que se poida reverter, xa que non se atende a dereito e vai contra a recuperación da liña marítimo-terrestre en todo o litoral do Concello de Pontevedra".
O alcalde indicou que a Xunta de Goberno extraordinaria, a través dos representantes do goberno local, aprobara a continuidade da defensa xudicial do Concello en relación con Ence e a contratación dun equipo liderado polo exministro Francisco Caamaño para manter a batalla xudicial co obxectivo de que a fábrica pasteira abandone a ría pontevedresa.
Relacionadas:
-
A APDR acode á Unión Europea contra a prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE retoma o seu plan social, que manterá "durante el tiempo de vigencia de la prórroga y del disfrute pacífico de la misma"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
ENCE investirá na fábrica de Lourizán "lo que sea necesario" para que sexa "competitiva"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Rueda: "Habería que deixar que ENCE poida traballar e crear riqueza con toda a seguridade xurídica"
Por Natalia Puga |
-
Lores reclama a Rueda que abandone as "escusas de mal pagador" e amplíe O Campiño
Por Alejandro Espiño |
-
Un equipo liderado por un ex ministro de Zapatero asume a loita xudicial do Concello contra ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
Greenpeace ve na postura do Supremo sobre ENCE unha "visión moi restritiva da protección" do litoral
Por Redacción |
-
O PP de Pontevedra tamén pedirá á Xunta a ampliación do parque empresarial do Campiño
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello presenta un "incidente de nulidade" para que a sentenza de ENCE volva á Audiencia Nacional
Por Oskar Viéitez |
-
O voto particular contra a sentenza do Supremo sobre ENCE advirte do "dano irreversible" ao litoral
Por Alejandro Espiño |
-
Os informes ambientais, a 'clave' para que o Supremo avalase a continuidade de ENCE ata 2073
Por Alejandro Espiño |