Ramallo agarda un incremento orzamentario ante o uso necesario de micropilotes na construción do Auditorio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A aparición dun dique antigo nos terreos nos que se acometen os traballos de construción do edificio que albergará ao Auditorio de Marín provocou un cambio no sistema construtivo. Así o explicaba este martes 31 de xaneiro María Ramallo, alcaldesa de Marín, indicando que en lugar de utilizarse "microestacas" será necesario empregar "micropilotes", perforacións especiais con estruturas que ofrezan garantías para a cimentación nestes terreos.
Ramallo sinala que espera a definición técnica para acometer o proxecto de forma que garanta que non se rexistrarán problemas na estrutura.
"Que ía ser difícil xa o sabiamos", afirmaba a rexedora argumentando que desde a aparición do problema achegáronse solucións guiadas pola dirección de obra, a empresa construtora e persoal técnico municipal.
Confirmou que as obras do futuro Auditorio seguen a executarse porque "hai obra dabondo que realizar" e garantiu que se manterán os prazos construtivos, que se situaban en 31 meses desde o inicio das obras.
María Ramallo recoñeceu tamén que os micropilotes son máis caros que as microestacas previstas inicialmente pero sinalou que espera os informes técnicos para "axustar o diñeiro que temos ao que hai que facer e trataremos de facelo o mellor posible", sinalou lembrando que o importante é que todo estea taxado e vixiado a través dos informes técnicos precisos que garantan que a estrutura e a cimentación do novo edificio para uso sociocultural "quede ben" nese terreo.
O BNG CRITICA A MALA XESTIÓN
Pola súa banda, Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, critica a xestión do procedemento das obras como "unha auténtica chapuza" ao repercutir nunha nova modificación do proxecto e a posible eliminación de aparcamentos para persoas con discapacidade, maior impacto visual se se ten que elevar a construción do edificio e un aumento da partida orzamentaria.
O BNG sinala que, segundo a información facilitada na Xunta de Portavoces municipal, a dirección da obra xa avalía a opción de eliminar o soto do edificio no que estaba previsto crear doce prazas de aparcamento despois da aparición da zona rochosa pertencente ao espigón do antigo peche do porto, que non aparecía recollido "sorprendentemente" nos planos da Autoridade Portuaria.
Lucía Santos lembra que o investimento nesta construción supera os cinco millóns de euros, no que "ademais de non contemplar un estudo detallado do terreo, utilizouse información de planos desactualizados". Por este motivo considera que resulta incomprensible que para unha obra destas dimensións non se elaborase un estudo específico con sondaxes sobre a localización da cimentación do novo Auditorio.
Relacionadas:
-
O Porto de Marín cederá para uso da cidadanía unha parcela cercana á entrada do Paseo Alcalde Blanco
Por Oskar Viéitez |
-
María Ramallo visita a cimentación do futuro Auditorio
Por Redacción |
-
O Partido Popular de Pontevedra confirma a María Ramallo como candidata á alcaldía de Marín
Por Redacción |
-
Ángeles Vázquez anuncia novas axudas da Xunta para a adquisición de vivenda nos cascos históricos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
María Ramallo asegura que as obras do auditorio seguirán adiante cos prazos previstos
Por Oskar Viéitez |
-
Inicio inminente para as obras de construción do novo Auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Adxudicada definitivamente a construción do Auditorio de Marín á empresa Oreco Balgón
Por Redacción |
-
Adxudicada á empresa Oreco Balgón a construción do Centro Socio Cultural
Por Redacción |