100 persoas faleceron por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nos tres últimos meses
Por Redacción
Entre decembro de 2020 e febreiro de 2021 faleceron 100 pacientes por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo os datos ofrecidos diariamente pola Consellería de Sanidade.
Desagregados, en decembro notificáronse 25 decesos pola pandemia; en xaneiro a cifra ascendeu a 33 e en febreiro situouse en 42, converténdose no mes con máis falecementos na área sanitaria desde o inicio do plan de continxencia.
En total, 155 persoas faleceron desde que se comezaron a notificar as mortes por esta enfermidade.
A última vítima producíase o domingo 28 de febreiro, segundo notifican desde o Servizo Galego de Saúde. Trátase dun home de 71 anos con outras enfermidades no seu historial clínico.
Durante esta última xornada detéctase un descenso paulatino do número de pacientes ingresados nos hospitais da área. Hai 56 persoas enfermas nos centros hospitalarios, catro menos que o luns. 44 pacientes atópanse en planta de hospitalización: 32 en Montecelo e 12 no Hospital do Salnés; ademais de 11 pacientes Covid-19 en Coidados Críticos de Montecelo.
Permanecen 722 casos activos na área, 31 menos que durante a xornada do luns. 667 persoas continúan recuperándose nos seus domicilios.
Nas últimas 24 horas realizáronse 373 PCRs, con 15 novos contaxios detectados a través destas probas.
GALICIA
Continúa a baixada de novos casos positivos en Galicia. Detectáronse 118 contaxios nas últimas 24 horas, segundo os datos da Consellería de Sanidade. O número de casos activos é de 4.953 enfermos, 254 menos que o luns.
O número de falecementos é, tras 14 novas mortes, de 2.252 pacientes desde o inicio da pandemia.
En canto a casos activos, a área sanitaria da Coruña rexistra 1.612 positivos, 99 menos que o 1 de marzo; Vigo ofrece 842 (-29); Santiago: 554 (-15); Ferrol: 487 (-25); Lugo: 456 (-44) e Ourense: 280 (-11).
Relacionadas:
-
O número de pacientes ingresados por covid-19 redúcese a 50 na área sanitaria
Por Redacción |
-
A área sanitaria de Pontevedra seguirá pechada e Soutomaior pasa ao nivel máximo de restricións
Por Alejandro Espiño |
-
Marín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Vilanova e Soutomaior mantéñense por encima do límite de 250 de incidencia acumulada
Por Redacción |
-
A covid-19 cobra unha nova morte en Montecelo, un home de 71 anos
Por Redacción |
-
Soutomaior, único municipio da área en risco de maiores restricións debido á incidencia da covid-19
Por Redacción |
-
O cribado feito en Marín revela trece casos positivos de covid 19
Por Redacción |
-
Baixan os pacientes covid na UCI pero aumentan lixeiramente os ingresados nos hospitais pontevedreses
Por Redacción |