Cáritas avanza no proxecto para converter a sede de Joaquín Costa nun gran centro asistencial: tamén terá vivendas tuteladas
Por Redacción
Cáritas avanza no proxecto que xa anunciara tempo atrás para que o edificio propiedade da Diócese de Santiago na rúa Joaquín Costa que utilizan na actualidade como sede, e onde tempo atrás estaba Proxecto Home, pase a ser un gran centro asistencial no centro de Pontevedra.
A entidade xa anunciara a súa intención de levar a cabo este proxecto, pero esta semana, despois dunha reunión no Concello de Pontevedra, facilitaron máis detalles. A súa intención é acondicionar o edificio para acoller un albergue con 20 prazas para homes e 6 para mulleres, un centro de día con opción de formación e, nunha fase posterior, vivendas tuteladas destinadas á integración social das persoas usuarias.
Este proxecto ten uns orzamentos de arredor de 800.000 euros e daría servizo ás persoas con problemas de integración social tanto da cidade como da comarca de Pontevedra.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este martes un encontro co director de Cáritas Diocésana de Santiago de Compostela, José Anuncio Mouriño Rañó; coa secretaria de Cáritas interparroquial de Pontevedra, Mariló Virel; e co arquitecto Mauro Lomba, para coñecer o novo proxecto.
O alcalde valorou que se trata dun proxecto "ambicioso e interesante" que cubre todas as necesidades que pode ter unha persoa con problemas de integración social e anunciou que o Concello daralle "todo o apoio posible".
Despois desta primeira reunión, o alcalde daralle traslado do proxecto ao concelleiro responsable área de Benestar Social, Marcos Rey, de cara a concretar a colaboración do Concello.
Lores lembrou que o Concello ten activo un convenio con Cáritas que este ano, con motivo da crise sanitaria, se incrementou con respecto a anos anteriores.
Relacionadas:
-
Dentro do albergue de Cáritas: "Ás veces é máis importante como pos a cea que o que pos de cea"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Cáritas fai un chamamento aos pontevedreses para financiar as obras do albergue
Por Oskar Viéitez |
-
Benestar impulsa un convenio co Banco de Alimentos para atender o incremento de familias en situación de necesidade
Por Redacción |
-
O novo albergue que Cáritas construirá en Pontevedra custará case un millón de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Cáritas rehabilitará a súa sede en Joaquín Costa para trasladar o albergue para persoas sen fogar
Por Manu Otero |
-
Aprobado o convenio municipal para financiar o albergue de Calor e Café
Por Oskar Viéitez |