Pontevedra cede á Xunta a xestión das oposicións á Policía Local
Por Alejandro Espiño
A partir de agora, as oposicións de acceso libre que se convoquen para reforzar o corpo da Policía Local de Pontevedra serán organizadas pola Xunta de Galicia, a través da Academia Galega de Seguridade Pública.
Así o acordou o goberno municipal, que levará ao pleno do próximo luns a adhesión ao convenio que ofrece a administración autonómica aos concellos galegos para centralizar estes procesos selectivos e facilitar os trámites dos exames.
O Concello, en todo caso, seguirá organizando os procesos de oposición que se realicen a través da vía de promoción interna.
Segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, esta decisión "simplifica moito" a tramitación destas oposicións, xa que o Concello limitarase a comunicar o número de prazas que se queren cubrir e a Xunta organiza todo o proceso.
A intención do Concello é que este convenio poida estar vixente xa para sacar a concurso as oito prazas que Pontevedra pretende cubrir este ano 2020.
Catro destas prazas, segundo fontes municipais, eran inicialmente de promoción interna pero, ao non cubrirse, pasarán a engrosar a oferta de acceso libre.
Ademais deste asunto, o pleno municipal que se celebrará o vindeiro luns 24 de febreiro no Teatro Principal aprobará unha declaración institucional polo Día de Rosalía e, previsiblemente, a nova ordenanza de mobilidade amable e espazos públicos.
O PP presentará tres mocións para reclamar ao Estado o pago da débeda do IVE con Galicia, para realizar melloras de accesibilidade nos parques infantís da cidade e para pedir a reforma da Rúa da Torre e da rúa Francisco Asorey; e Cidadáns reclamará bonificacións na viñeta para coches híbridos, eléctricos ou impulsados por biogás.