O Nadal deixará 24.000 euros en Monte Porreiro para renovación dos parques infantís
Por Redacción
A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural executará diversas actuacións para mellorar os parques infantís de Monte Porreiro, despois de que os técnicos do servizo municipal realizasen unha supervisión durante os últimos días.
Cun orzamento de 23.843 euros, a empresa Soluciones Técnicas de Ocio SL realizará actuacións de reforma con arranxo dos valos de madeira; a renovación dos peches; o acondicionamento de pavimentos e o cambio de diferentes elementos de xogo como as pequenas casas infantís, randeeiras, balancíns, bambáns e tobogáns.
As actuacións están previstas nas dúas zonas para xogos infantís situadas na contorna do Miradoiro; ademais das situadas nas rúas Portugal e Alemaña; a da praza de Europa e a da rúa Irlanda, atendendo ás demandas veciñais.
Segundo indica Iván Puentes, o concelleiro socialista responsable de esta área, a intención do goberno local é trasladar estas intervencións a outros puntos de Pontevedra para mellorar a conservación e a calidade destes recintos.
A idea é que a mediados deste mes de decembro comecen os traballos nos parques situados no centro de Monte Porreiro; en concreto, os situados na praza de Europa e no do cruzamento das rúas Portugal e Alemaña.