O Concello, sobre a ampliación da depuradora: "Os veciños dos Praceres teñen a razón"

Por Alejandro Espiño
Ao goberno municipal non lle gusta que a Xunta de Galicia aposte por ampliar a depuradora de Praceres nas inmediacións das actuais instalacións. " Non nos parece correcto", asegurou o seu portavoz, Raimundo González, despois de que o alcalde asegurase no pleno do pasado venres que " non estamos de acordo con que se amplíe a depuradora".
"Os veciños dos Praceres teñen a razón", sinalou González, en referencia ás mobilizacións que comezaron este domingo para evitar que os terreos do antigo campo de fútbol, desmantelado por orde de Costas, sirvan para acoller a nova EDAR.
Este proxecto, presentado pola Xunta na última reunión da comisión de seguimento do plan de saneamento da ría de Pontevedra, supoñería que a depuradora pasaría a "case triplicar" a súa capacidade actual, pasando a ocupar 40.000 metros cadrados.
O Concello entende "necesario" que a actual EDAR se actualice coas últimas tecnoloxías que melloren o seu actual sistema de depuración, pero esta actuación "nunca debe significar" que se amplíe o espazo que ocupa na parroquia de Lourizán. "Sería excesivo", sinalan desde o goberno municipal.
Pontevedra entende que "parece lóxico" que a futura depuradora de Poio acolla "o maior caudal posible" do saneamento dese municipio e que se busquen solucións ao sistema de Marín, pero rexeita que se sigan "paseando por toda a ría" as augas residuais, por cuestións ambientais e económicas.
A Xunta, segundo Raimundo González, debe ir resolvendo "pouco a pouco" os problemas de saneamento dos concellos limítrofes con Pontevedra, descartando a construción dunha "macroplanta" nas inmediacións da depuradora de Praceres.
En todo caso, González entende que o proxecto que baralla a Xunta de Galicia para a nova EDAR é un "brinde ao sol" e que só existe nunha "realidade virtual", polo que considera que "non parece crible" que esta ampliación se vaia a levar a cabo porque "non hai nada en concreto".
Relacionadas:
-
Rexeitamento unánime de Pontevedra á ampliación da depuradora dos Praceres
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños de Lourizán piden que non se use a ampliación da depuradora como arma electoral
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez esixe ao alcalde que ofreza unha alternativa á ampliación da depuradora
Por Oskar Viéitez |
-
"Pontevedra non pode asumir o custo ambiental da depuradora e Poio e Marín irse de rositas"
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños de Praceres comezan as mobilizacións contra a ampliación da EDAR
Por Redacción |
-
Instan ás administracións a cumprir as sentenzas do tren e dos recheos do porto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Praceres non quere ser unha ONG de recollida de cacas"
Por Oskar Viéitez |
-
Augas de Galicia promete consensuar cos veciños a ampliación da EDAR de Praceres
Por Redacción |
-
A Xunta propón ampliar a depuradora dos Praceres "no actual emprazamento"
Por Oskar Viéitez |