Falece a nena Nahir: "Su corazón se apagó, pero no su sonrisa"
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Pontevedra amenceu este mércores coa peor das noticias para a familia e amigos de Nahir, a nena con parálise cerebral que desde hai dous anos protagonizaba unha onda de solidariedade cidadá para recadar fondos para custear os seus tratamentos.
A nena, de seis anos, faleceu de madrugada de forma inesperada. Así o confirman fontes próximas á familia e a propia páxina de Facebook oficial que canalizaba as campañas de axuda a Nahir, 'Un tapón Una sonrisa'.
"Hoy el corazoncito de Nahir se apagó, se fué sin avisarnos, pero con una enorme sonrisa... Ha sido un duro golpe, inesperado y repentino. Gracias a todos por vuestro aliento, ayuda desinteresada y colaboración. Gracias por ser y estar, gracias". Esta é a publicación en Facebook que á primeira hora facía público o fatal desenlace aos seus seguidores.
Nahir naceu cunha parálise cerebral con tetraparesia discinética que lle impedía falar e camiñar con normalidade, pero desde moi pequena tanto ela como a súa familia mostraron un espírito de loita e superación que hai escasas semanas permitira anunciar que a nena conseguira incorporarse a dar pasos de forma firme, coller un lapis coa súa man e, mesmo, tratar de comunicarse oralmente.
A Fundación Amigos de Galicia confirmou o falecemento "a causa de un paro cardíaco" e traslada o seu máis sentido pésame a toda a súa familia e achegado, á vez que fan un chamamento á Administración para que se impliquen máis con casos como o de Nahir e que poidan acceder a todos os tratamentos que necesitan e na cantidade que necesitan, xa que moitas familias non poden facerse cargo do alto custo dos mesmos.
A nai de Nahir, Alejandra González, confirmou á Fundación o falecemento dicindo que "su corazón se apagó, pero no su sonrisa" e, en tan duro día, lembrou "lo mucho que había mejorado la calidad de vida de la pequeña desde que comenzaron las campañas de tapones para pagar sus tratamientos".
A Fundación Amigos de Galicia leva dous anos organizando campañas solidarias de recollida de tapóns para financiar a axuda médica que necesita e este mes de marzo púxose en marcha a última para lograr outros seis meses de tratamento no Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud de Pontevedra. "Agora comeza a sentar, a coller un lapis coa man, dá os pasos de forma máis firme, atópase con moita máis forza, pero aínda necesita axuda para continuar evolucionando", dicía hai escasos días a súa nai. Nada lle facía prever que á menor chegaríalle a morte tan pronto.
Nahir tiña parálise cerebral infantil con tetraparesia discinética por mor dunha encefalopatía hipóxica – isquémica tras o nacemento, o que a obrigou a permanecer ingresada o primeiro mes e medio de vida. Aos seus seis anos de vida representou un exemplo de superación e fortaleza, xa que a pesar das súas dificultades psicomotrices e comunicativas, Nahir asistía cada día ao colexio de educación ordinaria Príncipe Felipe.
Relacionadas:
-
A memoria de Nahír, a nena con parálise cerebral, marca novas campañas de recollida de tapóns
Por Almu Dapena |
-
Cidadáns pide a adquisición do robot terapéutico Lokomat para o Complexo Hospitalario de Pontevedra
Por Redacción |
-
Nahir, a nena con parálise cerebral, xa é capaz de coller un lapis grazas aos tapóns solidarios
-
Un maleteiro cheo de tapóns dos escolares das Doroteas axudará na recuperación de Nahir
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nahir comeza unha nova campaña para acadar 20 millóns de tapóns que lle permitan continuar co tratamento
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A recollida de tapóns permite que Nahir conte con seis meses de terapia para a súa parálise cerebral
Por Anxo Lourido |
-
Á procura de tapóns para axudar a que Nahir, unha nena pontevedresa de 5 anos, poida moverse
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |