Nahir, a nena con parálise cerebral, xa é capaz de coller un lapis grazas aos tapóns solidarios
Nahir ten seis anos e padece desde o seu nacemento unha parálise cerebral con tetraparesia discinética, que lle impide andar, poñerse de pé ou coller obxectos. Desde hai un par de anos, a fundación 'Amigos de Galicia' organizou campañas solidarias de recollida de tapóns para financiar a axuda médica que precisa. Estas iniciativas supuxeron, desde o inicio do seu tratamento a finais de 2016, que a pequena pase de apenas incorporarse a dar pasos de forma firme, coller un lapis coa súa man e mesmo tratar de comunicarse oralmente.
Co obxectivo de que a pontevedresa siga avanzando e mellore aínda máis, este venres 16 na Casa Azul foi presentada unha nova campaña solidaria de recollida dirixida a axudar a Nahir e tamén a Álex, un neno de Vigo con parálise cerebral infantil.
A xefa do Departamento de Traballo Social de 'Amigos de Galicia', Noelia Romero, informou da importancia de que a nena continúe co tratamento que recibe no Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud, en Pontevedra. Un tratamento que desde a entidade solidaria comprometéronse a financiar seis meses máis.
A nai da menor, Alejandra González, que asistiu á presentación, relatou orgullosa os avances da súa filla. A nena non podía apenas poñerse de pé cando iniciou o seu tratamento. "Ahora comienza a sentarse, a coger un lápiz con la mano, da los pasos de forma más firme, se encuentra con mucha más fuerza, pero todavía necesita ayuda para continuar evolucionando", segundo comentaba a nai.
Nahir necesita aínda máis de 35.000 quilogramos de tapóns para continuar coa axuda médica que precisa. Actualmente, recibe un tratamento semanal de neurorehabilitación e o procedemento co robot lokomat, un sistema que reproduce a marcha humana e lle serve de soporte para o seu peso corporal. Isto complétase con sesións de logopedia, ademais de contar cunha coidadora compartida no centro no que estuda, o CEIP Príncipe Felipe.
Desde a fundación animan a toda a cidadanía a colaborar coa iniciativa solidaria a través de distintos puntos de recollida situados en toda Pontevedra, como nas Galerías da Oliva, cafeterías El Dulce de Leche, a propia Casa Azul e o centro Príncipe Felipe, entre outros. Ademais, ofrecen os seus servizos a calquera familia galega que se atope nunha situación similar. 'Amigos de Galicia' paga as sesións terapeúticas directamente na clínica e recibe un control presencial, co obxectivo de levar a cabo a iniciativa de forma transparente e directa.
Relacionadas:
-
Falece a nena Nahir: "Su corazón se apagó, pero no su sonrisa"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Un maleteiro cheo de tapóns dos escolares das Doroteas axudará na recuperación de Nahir
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nahir comeza unha nova campaña para acadar 20 millóns de tapóns que lle permitan continuar co tratamento
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |