A zona marítima de Arcade, a punto para a Festa da Ostra e a Semana Santa

Soutomaior
26 de marzo 2025
Actualizado: 15:52

O goberno de Soutomaior xa está a levar a cabo a planificación para adecentar o centro urbano de Arcade e todos os barrios do concello nas vindeiras semanas

Tarefas de limpeza na praia de Muxeira, en Arcade
Tarefas de limpeza na praia de Muxeira, en Arcade / Concello de Soutomaior

Toda a contorna marítima de Arcade, a área que abrangue as praias de Muxeira e Matilde, o peirao e o paseo marítimo, está a 'poñerse guapa' para a inminente Festa da Ostra e para a chegada da Semana Santa.

Operarios municipais levaron a cabo esta mañá a limpeza manual da praia da Muxeira. Estas tarefas, sempre que sexa posible, están a facerse de maneira manual, co obxectivo de respectar a contorna natural e evitar o impacto negativo de usar maquinaria de maneira continuada.

Despois de incorporar a semana pasada a primeira tanda de dez operarios municipais, o goberno de Soutomaior xa está a levar a cabo a planificación para adecentar o centro urbano de Arcade e todos os barrios do concello nas vindeiras semanas.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, ten claro que o municipio ten que estar nas "mellores condicións" e que os veciños e veciñas deben poder gozar dos seus barrios "limpos e adecentados",

Neste sentido o alcalde sinalou que, ao igual que o ano pasado, vaise chegar a todos e cada un dos barrios do concello, e sinalou que "non se pode limpar todo o concello nunha semana, pero imos chegar a todos os puntos para que estean limpos e arranxados".

Ademais, de cara a maio o goberno de Soutomaior reforzará o servizo de limpeza e mantemento de vías coa contratación doutras nove persoas.

Deste xeito, nos meses de verán e de máis afluencia de persoas no concello, Soutomaior terá un operativo especial que contará con máis de vinte persoas na rúa para que tanto a veciñanza como as persoas que visiten o concello miren Soutomaior no mellor dos estados.

"Así é como se constrúe un Soutomaior que avanza en todos os ámbitos e que está á altura da nosa veciñanza", destacou Lourenzo, que recordou que este proceso de contratacións realízase sempre "con total transparencia" e en igualdade de condicións para todos os interesados.