"Zero Waste Europe" difundirá por toda Europa o Plan Revitaliza

Pontevedra
01 de marzo 2019

O responsable de políticas de residuos da entidade, Pierre Condamine, visitará Pontevedra para estudar o caso e escribir un informe

Zero Waste Europa elixe ao Plan Revitaliza como mellor experiencia ambiental de España
Zero Waste Europa elixe ao Plan Revitaliza como mellor experiencia ambiental de España / Deputación de Pontevedra

A axencia europea "Zero Waste Europe", entidade oficiosa que traballa da man da Comisión Europea no ámbito do Medio Ambiente, vén de propoñer que o Plan Revitaliza sexa o protagonista dun "estudo de caso" sobre a compostaxe como modelo de xestión de residuos na provincia para publicar un informe que terá difusión por toda Europa.

O responsable de políticas de residuos da entidade, Pierre Condamine, visitará Pontevedra os vindeiros luns e martes próximos co fin de coñecer de primeira man o traballo realizado nos concellos pontevedreses para logo escribir o estudo técnico.

Segundo explica o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, Pierre Condamine, responsable de políticas de residuos de Zero Waste Europe púxose en contacto hai máis dun mes co persoal técnico do Plan Revitaliza para poder poñer en marcha a iniciativa.

A proposta, ao seu entender, supón un recoñecemento de grande potencia ao traballo realizado pola Deputación de Pontevedra para fomentar o tratamento de biorresiduos a través da compostaxe de proximidade, mediante centros de compostaxe comunitaria, composteiros individuais e futuras pequenas plantas de tratamento.