A praza da Ferrería de Pontevedra acolleu este sábado o acto central de Galicia en Común-Anova Mareas, no ecuador da campaña, no que a ministra de Traballo e deputada de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz advertiu que "darlle o voto a dereita cavernícola é a garantía de que non imos ter futuro".
Pola súa banda o candidato da formación á presidencia da Xunta de Galicia, Antón Gómez Reino, puxo o foco "na necesidade de mobilizar o voto progresista e de esquerdas para botar a Feijóo da Xunta".
"Nestes días que restan de campaña xogámonos moito", incidiu, "sobre todo nesta provincia onde votar Galicia en Común vale dobre: derrota ao PP de Feijóo e afianza o cambio", afirmou Gómez Reino. "Estamos ante as eleccións máis decisivas da historia da democracia en Galicia. Está en xogo construír xuntas o país que queremos ser e por iso lanzamos a proposta dun decálogo de Goberno as compañeiras do BNG e do PSdeG, porque temos un horizonte compartido", dixo Gómez Reino.
"O programa do PP: ‘Galicia, Galicia, Galicia’, significa mentiras, mentiras, mentiras, como foi a estafa de Pemex, os seus recortes e as privatizacións ao público, e as súas corrupcións. As galegas teñen dereito a saber que Feijóo non se presenta a presidente da Xunta; preséntase para ser o presidente do Partido Popular en Madrid porque o seu interese polo noso país é nulo", proclamou Gómez Reino.
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, puxo en valor a presenza de Galicia en Común no goberno do Estado "amosando que fronte ao modelo do PP e de Feijóo hai outra forma de gobernar. Pódese gobernar como saímos da crise de 2008, despedindo a millóns de traballadores, pódese gobernar con mentiras como fai Feijóo ou pódese gobernar con valentía como estamos a demostrar para impedir despedimentos e protexer ás persoas cun escudo social".
No centro da cidade de Pontevedra, Yolanda Díaz preguntouse "que fixo Feijóo pola provincia, pola industria desta comarca, por Vulcano ou por Barreras" indicando que "non ten nada de que presumir porque un bo xestor nin privatiza a sanidade nin esnaquiza o ensino no rural".
Díaz apelou a toda a xente da praza da Ferrería para que "de aquí ao 12 de xullo fagades campaña con toda a xente que teme polo seu futuro porque só podemos gañalo se derrotamos a Núñez Feijóo" e amosouse convendida de que "darlle o voto a dereita cavernícola é a garantía de que non imos ter futuro".
"A cidadanía", afirmou a ministra e deputada de Galicia en Común, "non quere nin máis Feijóo nin máis gobernos únicos senón que quere entendemento e fórmulas que melloren a vida da xente e coloquen ás persoas no centro das políticas".
A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, puxo o foco na sanidade e no ensino para sinalar que foron as personas mais vulnerables as que máis sufriron a pandemia, e Martiño Noriega, número tres pola provincia da Coruña, chamou a "impulsar unha revolución silenciosa porque nos xogamos moito" e pola súa banda, Iria Figueroa, número dous pola provincia, collía a palabra na súa cidade para agradecer o auditorio que enchesen a plaza de ilusión. Marcos Cal, número tres por Pontevedra, dixo que "Feijóo non é invencible como non o foi no seu día o señor Fraga".