Yayo Daporta é o elixido para ler o pregón da Festa do Marisco do Grove. O acto, que terá lugar este sábado 3 de outubro ás 13.00 horas na carpa de degustación, servirá para reivindicar a importancia desta festa no panorama gastronómico nacional e internacional.
Desde o goberno municipal destacan que Yayo Daporta -vencellado ao Grove dun xeito directo por ser a súa nai meca e pasar neste pobo moito tempo na súa infancia- supón unha referencia fundamental no relativo a grande puxanza da cociña galega.
Yayo Daporta formouse na Escola de Hostalería de Santiago de Compostela e comezou a traballar como cociñeiro ós 27 anos. Logo de estar en restaurantes de recoñecido prestixio como Casa Solla, Daporta amosou o seu interese pola cociña creativa e de vangarda, e tras pasar por outros restaurantes como Alejandro (Almería) e o Amparo (Madrid) inaugurou o seu propio establecemento en Cambados.
Tres anos despois -con 33-, conseguía unha estrela Michelín que mantén ata hoxe, ademais de contar cun sol da Guía Repsol.
Segundo os coñecedores da materia a cociña de Yayo Daporta podería definirse como "cociña tradicional galega con carácter propio", o que marca un paralelismo claro co modelo da Festa do Marisco do Grove, na que, durante 12 días combinaranse os produtos de maior calidade coa innovación e a nova cociña.
APERTURA DOS STANDS
Aínda que o pregón está previsto para o sábado, os visitantes xa poden degustar os produtos que se serven na 52 edición da Festa do Marisco. A carpa de degustación abriu ao público este xoves, cunha grande afluencia de xente desde o primeiro momento.
O que cambiará é a tradicional recepción á autoridades portuguesas que se celebra o primeiro venres da festa. A celebración das eleccións parlamentarias este domingo fixo que os políticos declinaran acudir a O Grove. Con todo, Portugal seguirá mantendo a presenza na Festa do Marisco, e igualmente este venres 2 de outubro a programación estará dedicada á grande cantidade de portugueses que visitan a vila nestes días.