A reforma da lei electoral, que promove o PP para que goberne a lista máis votada, centrou parte do debate político do Pleno da Corporación de Pontevedra. Unha vez resoltos os cinco asuntos de trámite que figuraban na orde do día, en apenas 20 minutos, os tres grupos políticos con representación na corporación debateron as súas correspondentes mocións sobre este asunto.
O resultado final foi que as mocións de PP e BNG foron rexeitadas, e saiu aprobada a moción do PSOE, que tan só instaba á retirada da moción do PP. "ÿ noite pechada", resumiu o alcalde ao termo das votacións.
En canto ao debate, o voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, apuntalou o seu apoio á reforma que propón o goberno de Mariano Rajoy criticando os "matrimonios de conveniencia" como o formado en Pontevedra por nacionalistas e socialistas. "Que os que gañen gobernen, e os que perdan vaian a oposición", sentenciou.
Tino Fernández, asumiu a portavocía do PSOE neste debate para argumentar que a reforma electoral "débense a que ás enquisas do PP sinalan que vai levar un bó revolcón" e cualificou aos populares de "manipuladores magníficos, expertos en argallar pucheirazos como o que quere facer en Galicia o seu xefe o Señor Feijóo".
Polo Bloque interveu César Mosquera para o que a reforma formulada polo PP é "un churro e unha gamberrada" por ser "antidemocrática" e xerar multiples ploblemas e propuxo que Galicia sexa declarada circunscrición electoral única en todas as eleccións salvo as municipais, que se elimine a Regra de Hont e se que suprima o límite mínimo para acceder á repartición de representación.
O BNG foi máis alá, a súa moción insta ao Estado a que regule a capacidade de convocatoria de referendos para todas as administracións en asuntos do seu interese" e se elabore "un catálogo de asuntos obxecto de consulta obrigatoria antes de decidir sobre eles".
Contra o moción do PP votaron BNG e PSOE, contra a do BNG votaron PP e PSOE e a dos socialistas saíu aprobada cos votos de PSOE e BNG. A concelleira non adscrita María Biempica abstívose.