"Xuntas somos poderosas", a cuarta onda do feminismo avanza no Encontro en Pontevedra

Pontevedra
02 de marzo 2019

Este sábado presentábase o manifesto da asociación de Xornalistas Galegas, que defende un xornalismo con perspectiva feminista. Durante esta segunda xornada participaban escritoras como Marta Sanz, xornalistas como Tati Moyano e Lucía Mbomio ou as creadoras do vídeo viral #HolaPutero, Teresa Lozano e Zua Méndez, 

Xornalistas que forman parte da Asociación de Xornalistas Galegas na súa presentación no Encontro
Xornalistas que forman parte da Asociación de Xornalistas Galegas na súa presentación no Encontro / Deputación Provincial de Pontevedra

Máis de dous millóns de impactos e máis dun millón de interaccións nas redes sociais. O éxito de 'As mulleres que opinan son  perigosas' repetiuse. Este segundo Encontro de Mulleres columnistas que este sábado chegaba á súa segunda xornada no Teatro Principal converteuse nun espazo de referencia indiscutible para o  feminismo. Esta mesmo sábado, presentábase durante o foro o manifesto da asociación de Xornalistas Galegas, que defende un xornalismo con perspectiva feminista.

Este colectivo nacía tras o movemento do 8 de marzo de 2018 cos obxectivos, entre outros, de evitar que se informe mal sobre a violencia de xénero, de que os entrevistados non falen con  condescendencia coas xornalistas, que se teña en conta os seus méritos profesionais para ascender ou para ocupar espazos de relevancia e que se ofreza unha perspectiva de xénero nas informacións. 

A xornada abríase coa organizadoras Diana López e Susana Pedreira, acompañadas por Inma López Silva para falar da evolución social que se detecta un ano máis tarde do movemento do 8-M. A continuación, Irene  Bascoy, xornalista do Faro de Vigo, analizaba a opinión na prensa galega e o papel das mulleres nesa sección. 

A xornalista Lucía  Mbomio ofreceu unha interesante charla sobre as circunstancias ás que se enfrontan as mulleres negras nas informacións que protagonizan nos medios de comunicación. E mostraba, ademais, como ao escribir muller no buscador de imaxes en Google non aparecía unha muller negra ata a cuarta páxina, para relatar a continuación os numerosos tópicos que se utilizan nos medios en relación coas persoas que non teñen unha cor de pel branco.

A xornalista da CRTVG,  Tati Moyano, explicaban a situación que se atravesa na Televisión de Galicia coas protestas dos 'Venres negros' denunciando a manipulación informativa. Tras a súa intervención, a presidenta da  Deputación Carmela Silva manifestou que do mesmo xeito que o persoal da CRTVG os partidos políticos deben trasladar as protestas ao ente público e, neste sentido, asegurou que envía a diario un correo ao director Alfonso Sánchez Izquierdo pedíndolle explicacións pola información parcial que se realiza en relación coa actividade da Deputación de Pontevedra.

A mañá pechábase coa denuncia de Teresa Lozano e Zua Méndez, autoras do libro #HolaGuerrera e creadoras do vídeo que se converteu en viral #HolaPutero, que se achega ao millón de visualizacións en Youtube, e que centra a súa imaxe nos homes que acoden á prostitución sen ter en conta a situación estrutural das mulleres que a exercen. Ambas reclaman que as informacións sobre a prostitución cambien o enfoque e se centren nos homes. Sinalaban que a prostitución é a segunda industria, entre as non legais, que xera máis beneficios no mundo e que a cuarta onda do feminismo, que loita contra a violencia sexual, debe deterse nas mulleres que sofren estas explotacións.

As intervencións finalizaban durante a tarde con Marta Sanz, doutora en Filoloxía e escritora, ademais de opinadora no xornal El País. Sanz coincidiu, como outras relatoras durante estes dous días, en sinalar que non existen "micromachismos" senón "machismos", que definiu como unha enfermidade cultural que atende a prácticas capitalistas extremas. A autora do libro 'Monstruas e centauras' mostrouse partidaria da utilización de fórmulas de linguaxe novas porque entende que a lingua é unha ferramenta para utilizala e na que se conquistan espazos. Tamén manifestou a súa preocupación ante as actitudes que están a manter ultimamente as forzas conservadoras do Estado en relación coas mulleres.

O foro finalizaba con algunhas das principais organizadoras e relatoras desta xornada no escenario pousando para unha foto en conxunto e con Zua Méndez realizando un selfie, mentres de fondo soaba 'E ti, só ti', o himno da folga do próximo 8- M, interpretada por Sés. As sesións poden verse nesta ligazón.