Xuntanza veciñal para coñecer os proxectos das rúas de Víctor Cervera-Mercadillo e Gonzalo Gallas

Pontevedra
26 de xuño 2014

As actuacións, xunto coa segunda fase da rúa de Blanco Porto, están a piques de iniciar o procedemento de licitación pública

Rúa Víctor Cervera-Mercadillo
Rúa Víctor Cervera-Mercadillo

Os veciños do barrio de San Antoniño coñecerán directamente os proxectos de rehabilitación integral das rúas de Gonzalo Gallas e Víctor Cervera Mercadillo a través do tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, e os técnicos municipais. A veciñanza foi convocada a unha xuntanza que se celebrará este venres, a partir das 20.00 horas, no local da fundación Cuña Casasbellas, situado nesta zona.

As obras, que contan cun orzamento que supera os 361.000 euros, teñen superado xa os trámites nos distintos servizos municipais e serán aprobadas pola Xunta de Goberno Local. Mesmo poderían ser incluídas na orde do día do próximo luns, de xeito que quedaría aberto o procedemento de licitación pública entre as empresas construtoras.

O obxectivo de Antón Louro é que os traballos estean completamente concluídos ao longo deste ano e solucionen así as carencias de dúas das rúas máis significativas deste popular e céntrico barrio pontevedrés.

Estas rúas manterán a circulación rodada nas mesmas condicións que ata agora

O orzamento da rúa de Víctor Cervera Mercadillo será duns 134.000 euros e prazo inicialmente previsto ronda os 4 meses. No caso de Gerardo Álvarez Limeses, o prezo de saída será de 227.000 euros e o prazo, ao tratarse dunha maior superficie, sobe ata aos 5 meses.

Os principios que inspiran as dúas actuacións son idénticos: ampliación das beirarrúas e mantemento da circulación rodada nas mesmas condicións que ata o de agora. Ao tempo, mantense a capacidade de estacionamento na rúa de Álvarez Limeses, onde a maior anchura permite crear dúas bolsas con capacidade para 24 vehículos.

Louro destaca que nalgúns puntos hai beirarrúas inferiores a 80 centímetros de sección en cun firme moi irregular. Ao mesmo tempo, outra das deficiencias máis significadas na zona é a obsolescencia das redes de auga, pluviais e saneamento, polo que deberán ser completamente renovadas. No que atinxe á iluminación, aproveitaranse as luminarias led recentemente instaladas, pero ao deseñarse novas beirarrúas con anchos de 2,5 metros, serán recolocadas sobre báculos ao bordo da calzada.

Antón Louro tamén está a impulsar estes días o proxecto da segunda fase das obras da rúa de Blanco Porto, co que quedará completada a reforma realizada nesta rúa durante a recta final do ano pasado.