Cincocentas persoas participaron este domingo na II Xuntanza de Maiores organizada polo Concello de Poio.
Esta xornada de convivencia, segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, "supón unha oportunidade e un espacio para fortalecer as relacións coas persoas que nos rodean e para disfrutar. A actividade non só se refire a mover o corpo, senón tamén a manter activa a mente, a compartir momentos de felicidade e a seguir crecendo, todo isto é vida e repercute de xeito directo en como nos sentimos".
Así, sinalou que "un concello de todos e para todos, como o noso, é o que se compromete a crear un entorno inclusivo, onde cada persoa, independentemente da súa idade, teña acceso a actividades que fomenten unha vida activa e saudable".
Por iso, recordou que esta xuntanza naceu hai un ano a petición das propias persoas maiores do municipio, que demandaban un evento propio no seu concello.
"Escoitar o que nos pide a veciñanza é unha obriga e sempre é un acerto. En Poio queremos aos nosos maiores", engadiu.

Ás 13.00 horas comezaron a chegar os asistentes a un xantar que arrancou unha hora máis tarde e que ofreceu de menú empanada, callos, carne ao caldeiro, bebidas e postre.
Todo amenizado coa actuación en directo do Dúo Prisma, que deu paso ao baile e sorteos de agasallos doados por comercios locais.
A maior parte dos 500 asistentes foron veciños de Poio, pero tamén se achegaron ata a carpa instalada na Seca persoas procedentes de concellos da contorna.
Cada asistente pagou 25 euros por participar.
"Eventos como este demostra que, apoiando aos nosos maiores, estamos investindo no benestar de todos, sen importar a idade. Hoxe convertemos a Seca nun lugar de encontro, de participación e de coidado mutuo", concluíu.