O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este luns o resultado das obras de substitución da cuberta do ximnasio CPI Plurilingüe Santa Lucía, no concello de Moraña.
Esta obra, que conta cunha achega da Xunta de máis de 50.000 euros, permitiu mellorar a eficiencia enerxética do edificio, así como eliminar as filtracións de auga que se viñan producindo debido ao desgaste propio do paso do tempo.
Así, este espazo, que é usado polo alumnado do centro escolar para as clases de educación física, conta agora cun novo tellado con zonas translúcidas que deixan pasar a luz natural.
Neste sentido, o delegado territorial asegurou que "a comodidade e benestar do alumnado e do corpo docente é unha prioridade para a Xunta".
Agustín Reguera lembrou que estas obras "máis alá de mellorar as condicións dos máis pequenos, permiten reducir o gasto enerxético do edificio, o que supón un aforro nos gastos correntes do Concello".
Cabe destacar que esta partida encádrase no fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para a mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais.
Esta liña adicional concedeu preto de 850.000 euros en axudas para a realización de 17 proxectos na área territorial de Pontevedra.
No caso da comarca de Caldas, ademais de Moraña, tamén se beneficiou o concello de Valga.