A Xunta rescatará a concesión da autovía do Salnés

O Salnés
14 de outubro 2024

O presidente Alfonso Rueda explicou que esta operación permitirá suprimir así a peaxe en sombra que pagan cada ano todos os galegos

Alfonso Rueda e María Martínez Allegue á saída do Consello da Xunta
Alfonso Rueda e María Martínez Allegue á saída do Consello da Xunta / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou que o Consello da Xunta celebrado este luns acordou recuperar a concesión de catro autovías: a do Salnés, a de Barbanza, a de Ourense-Celanova e a de Santiago-Brión.

Con esta medida elimínanse as peaxes en sombra que viñan pagando anualmente o que permitirá un aforro de máis de 30 millóns de euros ao ano para as arcas públicas galegas, segundo sinalou o presidente.

Esta operación será posible grazas a unha cláusula de rescate fixada nas concesións das autovías. Xunta e empresas chegaron a un acordo para evitar litixios e dilatar o proceso.

O titular do Goberno galego manifestou que esta decisión se enmarca dentro dunha estratexia "coherente" coas políticas de infraestruturas desenvolvidas pola Xunta nos últimos anos.

Esa estratexia inclúe a construción de máis de 220 quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe, garantindo que oito de cada dez galegos teñan acceso a unha destas vías a menos de 15 minutos dos seus fogares, así como a conxelación das peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo e do Val Miñor.

Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, indicou que coa medida aprobada dáse un paso máis cara a unha rede de infraestruturas "cada vez máis extensa e económica para os cidadáns".

Galicia conta hoxe con máis de 1.400 quilómetros de vías de altas prestacións.

As catro autoestradas que pasarán a ser xestionadas pola Xunta suman un custo total de 297 millóns de euros, e con esta operación prevese un aforro de máis de 330 millóns de euros en peaxes en sombra e mantemento até o final das concesións.

Martínez Allegue insistiu na necesidade de que tamén as autoestradas de xestión estatal, a AP-9 e a autoestrada que une Santiago con Lalín, "deixen de estar entre as máis caras de España" e a súa titularidade e centro de decisión pase a estar en Galicia.