A Xunta licitará este venres 29 a redacción dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de solo residencial para as primeiras 15.000 vivendas previstas na Estratexia Galega de Solo Residencial, concretamente no concello de Pontevedra serán 2.040.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu a coñecer hoxe os ámbitos dos concellos onde se desenvolverá solo, cunha superficie total de 1,5 millóns de metros cadrados en toda Galicia, e cunha previsión de iniciar no 2028 as obras de urbanización nas parcelas onde se construirá vivenda.
Martínez Allegue lembrou que a Estratexia Galega de Solo Residencial, aprobada polo Consello da Xunta en xuño deste mesmo ano, prevé desenvolver solo para 25.000, das que 20.000 serán protexidas e 5.000 libres.
Segundo dixo a conselleira, esta estratexia permitirá seguir construíndo vivenda de xeito continuo nos vindeiros anos.
DEPURADORAS
Por outra banda, a Xunta de Galicia adxudicou por preto de 10 millóns de euros un contrato para os próximos cinco anos co que optimizar a xestión e o funcionamento das 28 estacións depuradoras de augas residuais urbanas (EDAR) que explota na comunidade.
A adxudicación é inicialmente para dous anos, por importe de 3,4 millóns de euros, pero que inclúe a posibilidade de prórroga por tres exercicios máis así como incorporar novas depuradoras á prestación do servizo.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este mércores a EDAR de Moraña, onde explicou que esta adxudicación inclúe novidades como a utilización da intelixencia artificial, a posta en marcha dunha experiencia piloto para maximizar o rendemento de eliminación de nitróxeno da auga para mellorar a súa calidade e a celebración de dúas xornadas formativas no marco da Escola Galega da Auga.