O Plan de nova arquitectura pedagóxica aprobado polo Consello da Xunta de Galicia suporá melloras en varios centros educativos da comarca.
O goberno autonómico licitou varias actuacións de mellora.
Así, investiranse máis de 175.000 euros en mellorar a accesibilidade do Colexio CEIP de Sequelo-Marín. A actuación consiste na instalación dun ascensor que se situará na zona de patio que une o colexio co pavillón deportivo.
En Meaño está previsto destinar máis de 214.000 euros ao Colexio CEIP de Coirón-Dena, cunha actuación que consiste no cambio de cuberta por unha nova de panel sándwich para mellorar o illamento térmico do centro. Tamén se cambiarán os canos e as baixantes, renovaranse o falso teito e colocaranse novas luminarias tipo LED.
O Colexio CEIP Plurilingüe de Portonovo contará por cu parte cun investimento de case 248.000 euros para mellorar a accesibilidade do centro. Complétase ademais un novo aseo adaptado na planta baixa do edificio de Primaria e melloras no acceso ao edificio de Infantil, instalando unha costa.
En Vilagarcía de Arousa licítanse dúas actuacións. Por unha banda as obras de ampliación do Colexio CEIP Plurilingüe Arealonga, cun orzamento de máis de 712.000 euros. para reorganizar os espazos do centro, mellorar o acceso ao mesmo e ampliar o edificio de Infantil de tal maneira que se poida colocar un ascensor e un segundo núcleo de escaleiras, ademais dun aseo adaptado. Así mesmo dotarase ao colexio dun comedor e dunha sala para a ANPA. Tamén mellorarase a eficiencia enerxética co illamento térmico da súa fachada e o cambio de parte das xanelas e cubertas, así como a substitución das luminarias.
Tamén se actuará no instituto IES O Carril. Neste caso está previsto completar a instalación na planta baixa dun novo aseo accesible e cambiar do falso teito e luminarias dos vestíbulos principais do tres plantas e dos corredores que comunican coas aulas. Todo cun orzamento de 170.000 euros.
Por último en Vilanova de Arousa renovaranse as instalacións deportivas do Colexio CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión cun investimento de 673.000 euros. A obra consistirá na construción dun espazo cuberto con panel tipo sándwich opaco para uso como patio cuberto os días de choiva e zona para educación física. Debido ao desnivel do terreo, aproveitarase parte do espazo inferior para habilitar un almacén de 190 metros cadrados. Ademais acometeranse melloras no Colexio CEIP Plurilingüe de San Roque cun orzamento de case 170.000€. A actuación consistirá, principalmente, na reforma interior de tres vivendas de mestres, actualmente sen uso, para dotar ao colexio dun novo comedor.