Axuda de 370.000 euros para a humanización do Camiño de Santiago no paso pola rúa Coutada e Fonte do Conde

Soutomaior
26 de novembro 2024

O Concello de Soutomaior vén de acadar unha subvención da Xunta de Galicia que representa o 50% do orzamento do proxecto, que ascende a un total de 750.000 euros

Humanización do Camiño de Santiago no paso pola rúa Coutada e rúa Fonte do Conde
Humanización do Camiño de Santiago no paso pola rúa Coutada e rúa Fonte do Conde / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior ven de acadar unha subvención por valor de 370.000 euros para o proxecto "Humanización do Camiño de Santiago no paso pola rúa Coutada e rúa Fonte do Conde".

Trátase dunha achega do Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico da Xunta de Galicia.

O orzamento total desta obra é de 750.000 euros, co que sufragarase a partes iguais con fondos propios do concello e coa subvención da Xunta.

Este proxecto, "vital" para o Concello, foi redactado pola empresa Urcoin, liderada polo enxeñeiro Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia.

Unha parte importante (150.000 euros) deste proxecto irá destinada a renovar a rede de sumidoiros.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que o Concello conseguiu esta subvención porque "somos un goberno que actuamos con previsión e tiñamos proxectos maduros".

Manu Lourenzo destacou que "foi unha actuación complicada" porque a convocatoria tivo lugar en agosto "cando temos menos persoal" e ademais había pouco prazo para presentalo.

"Esta subvención nos vai a permitir ter unha obra que vai a ser un antes e un despois para o núcleo urbano de Arcade", afirmou Lourenzo.