Xunta e Estado presionarán en europa para que non saia adiante o acordo pesqueiro con Mauritania

Marín
05 de setembro 2013

A conselleira mantivo unha xuntanza co secretario general de Pesca do Ministerio e coa alcaldesa de Marín sobre o acordo

A Xunta de Galicia e o Goberno Central aúnan esforzos para exercer presión ante Europa para que non saia adiante o acordo pesqueiro con Mauritania. Así o manifestou este xoves en Madrid a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, trala xuntanza mantida co secretario general de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Carlos Domínguez, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, sobre o acordo pesqueiro con Mauritania.

A conselleira dixo que tamén se empezou a perfilar a estratexia de traballo a seguir cos eurodeputados e se avanzaron nas novas liñas de traballo para lograr o mesmo éxito no pleno da Eurocámara que o acadado na  Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, onde se votou en contra deste acordo. "Loitaremos para que o Parlamento Europeo non acepte a ratificación deste acordo", sentenciou.

Cabe lembrar que a postura de Galicia e do Goberno do Estado recolle a necesidade de que se inclúan posibilidades de pesca para os barcos cefalopodeiros nos caladoiros mauritanos para que poidan faenar en igualdade de condicións que outras frotas, países e recursos. Esta medida sería esencialmente beneficiosa para a nosa comunidade autónoma, de onde proceden a práctica totalidade dos barcos que se dedican á extracción deste molusco.

APOIO DO MINISTERIO

O secretario general de Pesca trasladou que o Goberno está traballando arreo para avanzar nas melloras da negociación do acordo, das que xa se acadaron algunhas en relación coas posibilidades e coas zonas de pesca.

Carlos Domínguez amosou a súa total disposición coa Xunta e co Concello de Marín e explicou que se continuará cos esforzos para intentar botar abaixo o acordo co apoio dos eurodeputados españois.

Arquivado en