Impulsar unha regulación de usos no illote Areoso é o próximo obxectivo da Xunta de Galicia e do Concello da Illa de Arousa, co fin de garantir nos meses de verán o equilibrio entre a protección dos seus valores naturais e desenvolvemento de determinadas actividades e usos públicos na zona.
Así o acordaron este venres a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, nunha reunión na que tamén participaron o patrón maior da confraría de pescadores do municipio, Juan José Rial, a edil de Medio Ambiente, así como técnicos e outros responsables da Consellería na provincia de Pontevedra.
Co fin de establecer unha regulación axeitada que garanta na tempada estival a protección dos recursos naturais do illote e a súa convivencia cos usos tradicionais presentes na zona e o seu máis recente aproveitamento turístico, a directora xeral sinalou que a Xunta traballa xa nun plan de xestión para Areoso, figura prevista na Lei de patrimonio natural de Galicia para este tipo de espazos.
Unha vez que a actividade turística na zona volveu recuperar certa intensidade no verán, todos os asistentes á reunión coincidiron na necesidade de tomar medidas que garantan a convivencia dos posibles usos turísticos e recreativos do Areoso, ao que os visitantes acceden por mar en diferentes medios de transporte, coa importante actividade pesqueira e marisqueira que acolle a súa contorna.
Deste xeito, o alcalde da Illa de Arousa e o representante do pósito local comprometéronse a remitir á Consellería as súas achegas sobre os principais aspectos a resolver, as alternativas que propoñen e mesmo posibles solucións coas que enriquecer o contido do futuro plan de xestión de Areoso, que "debería estar listo nos vindeiros meses para poder poñelo en práctica este mesmo verán".