Xunta e Concello desbloquean o novo edificio xudicial e se comprometen a avanzar no proxecto

Pontevedra
16 de marzo 2015

Despois de anos de tiras e afrouxas, parece que o novo edificio xudicial da Parda comeza a dar pasos definitivos cara á súa construción. E todo despois dunha xuntanza da comisión mixta de seguimento do convenio, asinado no seu día entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, que desde o goberno municipal aseguran que se desenvolveu nun clima de "diálogo e cordialidade"

Xulgados da Parda
Xulgados da Parda / Mónica Patxot

Despois de anos de tiras e afrouxas, parece que o novo edificio xudicial da Parda comeza a dar pasos definitivos cara á súa construción. E todo despois dunha xuntanza da comisión mixta de seguimento do convenio, asinado no seu día entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, que desde o goberno municipal aseguran que se desenvolveu nun clima de "diálogo e cordialidade".

Neste encontro, ao que asistiron o director xeral do Concello e o secretario municipal, acordouse que o Concello entregará todas as parcelas do ámbito agrupadas nunha escritura única e ambas partes comezarán a avanzar no proxecto de construción.

O goberno municipal reitera que o Concello cumpriu a súa parte do convenio, que era poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios para a construción dos novos xulgados, tal e como xa fixera, recordan, en febreiro de 2013.

Naquel momento, o Concello xa era propietario de todos os terreos e remitiu á Xunta de Galicia un acordo da Xunta de Goberno poñéndoos á súa disposición.

A diferenza coa actualidade, sinalan desde o goberno municipal, é que todos eles están inscritos tanto polo Catastro e polo Rexistro da Propiedade a nome do Concello e, ademais, todas as parcelas xa están agrupadas como unha soa de 6.600 metros cadrados, en ambos organismos.

As dúas partes acordaron que o Concello realizará un novo acordo da Xunta de Goberno para a transmisión da titularidade desa única parcela á Xunta de Galicia libre de cargas e gravames, que a súa vez terá que aceptala a través dun acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Paralelamente, na reunión tamén se acordou que a oficina técnica do Concello manterá unha reunión cos arquitectos da Xunta de Galicia para estudar o proxecto de construción do edificio, e avanzar na tramitación da licenza administrativa correspondente.