Xunta e Concello alcanzan un acordo para ampliar o "Gran Montecelo"

Pontevedra
30 de xuño 2016

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves na rolda de prensa do Consello da Xunta que, tras acadar un consenso en canto ao proxecto de ampliación do hospital de Montecelo e tamén en canto á súa planificación, o Goberno galego e o Concello de Pontevedra veñen de acadar un acordo no que atinxe á execución desta actuación

Xunta e Concello alcanzan un acordo para ampliar o "Gran Montecelo" / Xunta de Galicia

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves na rolda de prensa do Consello da Xunta que, tras acadar un consenso en canto ao proxecto de ampliación do hospital de Montecelo e tamén en canto á súa planificación, o goberno galego e o Concello de Pontevedra veñen de acadar un acordo no que atinxe á execución desta actuación.

Como lembrou o titular da Xunta, o proxecto de ampliación do hospital de Montecelo, que pasará a denominarse Gran Montecelo, conta coa aceptación maioritaria en todos os ámbitos sociais e tamén coas achegas dos profesionais do complexo hospitalario. Neste senso, fixo fincapé tamén na importancia do apoio da corporación local para a súa execución.

Por tanto, queda materializado un acordo para que as administracións autonómica e local unan esforzos e procedan no menor tempo posible á redacción e execución do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como para a dotación de infraestruturas e dos servizos necesarios.

Con respecto a isto, sinalou que cómpre acudir a figuras previstas na normativa en materia de ordenación do territorio que exceden do eido puramente urbanístico. Por iso, considérase procedente tramitar un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

OS COMPROMISOS DA XUNTA

Segundo o presidente do goberno galego, o Sergas vai realizar os trámites precisos para promover a aprobación deste proxecto sectorial. Unha vez aprobado, o Sergas tamén expropiará os terreos precisos para a execución da ampliación, que se sitúan na zona sur-este da parcela que ocupa o Hospital de Montecelo, e licitará as obras.

Neste eido, ademais do espazo necesario para a implantación do hospital, incluiranse as reservas de espazo dotacional en previsión de posibles futuras ampliacións de equipamentos para destinar a usos sanitarios e a outros servizos complementarios.

OS COMPROMISOS DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

Pola súa banda, o Concello de Pontevedra asumirá os gastos para dotar á parcela das infraestruturas necesarias, como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica e de gas, alumeado, telefonía, etc. A execución destas infraestruturas deberá concluír con anterioridade á finalización da ampliación do hospital.

Ademais, levará a cabo as actuacións para dotar ao hospital de todos os servizos públicos relacionados co mesmo e porá a disposición do Sergas a posibilidade de utilizar o circuíto de recollida de lixo municipal.

Así mesmo, a administración local tamén executará directamente a solución da circulación viaria prevista no proxecto sectorial que facilite a circulación e accesos á infraestrutura, e corresponderalle a dotación dos espazos de aparcadoiro precisos para atender axeitadamente a demanda que poida xerarse.

Do mesmo xeito, o Concello de Pontevedra regulará nas ordenanzas fiscais a exención a favor dos centros sanitarios titularidade da comunidade ou do Sergas do pagamento do imposto sobre bens inmobles, así como de calquera tipo de taxas e prezos públicos que non se correspondan con servizos que se prestan de xeito continuado.

Por outra banda, achegará ao Sergas a cantidade total de 4 millóns de euros en concepto e achega á adquisición e á urbanización dos terreos indicados.

TRABALLO CONXUNTO

En definitiva, trátase dun "acordo interesante", segundo o presidente da Xunta, que puxo en valor e agradeceu o grao de colaboración do Concello de Pontevedra á hora de facilitar unha infraestrutura clave para a cidade.

"Estamos traballando xuntos nun proceso compartido e beneficioso para todos os veciños da comarca", así como "para todos os profesionais que traballan no hospital de Montecelo", aseverou. Como engadiu, "imos ir da man de todas as administracións" e "imos facer avaliación conxunta de todas as necesidade sanitarias".

Para Feijóo, "isto é, sen dúbida, unha gran noticia para os que cremos na sanidade pública e unha gran noticia para área sanitaria de Pontevedra".

Arquivado en