Xunta, Deputación e Arlea Hotels poñen en marcha tres ciclos de FP dual na Pousada da Lanzada

Pontevedra
13 de xuño 2014

O grupo Hotusa contratará, a partir do próximo 1 de xullo, durante 6 meses, 45 alumnos con contratos de formación todo o ano (700-800 euros de soldo) para os seus hoteis de Madrid, Barcelona, Santander e Múnic: 15 para Sala, 15 para Aloxamentos e 15 para Cocina. A empresa pagaralles tamén a viaxe de ida e de volta. O contrato de formación poderá ser prorrogado por dúas veces ata o 2016

Pousada da Lanzada
Pousada da Lanzada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o empresario Amancio López Seijas, presidente de Arlea Hotels, a firma do Grupo Hotusa adxudicataria da xestión das Pousadas do Salnés, asinaron este venres no Pazo Provincial un convenio para implantar tres proxectos de Formación Profesional Dual para alumnos de ciclo superior de Hostalaría e Turismo na Pousada da Lanzada, no CIFP Carlos Oroza e nas instalacións de Arlea Hotels.

O grupo Hotusa contratará, a partir do próximo 1 de xullo, durante 6 meses, 45 alumnos con contratos de formación todo o ano (700-800 euros de soldo) para os seus hoteis de Madrid, Barcelona, Santander e Múnic: 15 para Sala, 15 para Aloxamentos e 15 para Cocina. A empresa pagaralles tamén a viaxe de ida e de volta. O contrato de formación poderá ser prorrogado por dúas veces ata o 2016.

Os 45 alumnos terán contratos de formación todo o ano con 700-800 euros de soldo

A parte práctica da súa formación desenvolverase na empresa e a outra, nas instalacións da Lanzada e do Carlos Oroza en Príncipe Felipe.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, asegurou que esta iniciativa é "toda unha bendición" e destacou a súa "gran transcendencia e extraordinaria importancia porque trata dunha formación regulada e pagada, moi diferente á que se imparte nun Taller de Emprego, como, ata agora, viña sucedendo, coas clases de Hostalaría nas instalacións da Lanzada".

En virtude deste convenio a Deputación de Pontevedra, titular tanto das instalacións do CIFP Carlos Oroza, como da Pousada da Lanzada, dotará do equipamento necesario para impartición das clases.

Os ciclos que se poñerán en marcha serán con 15 prazas para cada un

Jesús Vázquez detallou que os ciclos que se poñerán en marcha serán con 15 prazas para cada un, os de grao superior en Dirección de Cociña, en Servizos en Restauración e en Xestión de Aloxamentos Turísticos.

Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do CIFP Carlos Oroza e de Arlea Hotels.

A empresa comprométese tamén a que durante o período en que se realice a formación nas súas instalacións ou nas do grupo empresarial, tanto de ámbito nacional como internacional, o alumnado terá garantido o aloxamento e a manutención, así como os gastos de desprazamento de ida e volta para dous períodos de formación, dende o centro educativo ata as instalacións da empresa.

Finalmente Jesús Vázquez informou que os tres proxectos de FP dual se desenvolverán do 1 de xullo de 2014 ata o 30 de xuño de 2016. O período de inscrición abrirase a próxima semana e, a partir del, haberá unha selección.

O alumnado terá garantido o aloxamento e a manutención, así como os gastos de desprazamento

Segundo dixo o conselleiro, Galicia é un referente en España en canto a FP pois xa 16 empresas levan a cabo este tipo de prácticas con contrato.

Louzán e Vázquez agradeceron o compromiso con Galicia do empresario de Hotusa, o chantadino Amancio López Seijas, que, segundo indicaron, "sempre quixo dispoñer dun nicho de formación en Hostalaría e Turismo en Galicia para poder empregar os mozos nas súas empresas".

Hotusa é líder mundial de consorcios hoteleiros, con presenza en 50 países, e dispón de 134 hoteis en todo o mundo. Conta cunha central de reservas, Hotusa Hotels, que tén 2.600 hoteis asociados en todo o mundo, cun total de 235.000 cuartos. Amancio López é, ademais, presidente de Exceltur, a maior organización de España de grandes empresas turísticas.

Arquivado en