O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático participaron este sábado por videoconferencia nunha reunión con representantes da Delegación do Goberno en Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e das catro deputacións provinciais, xunto con responsables de servizos provinciais e municipais de emerxencias de Galicia -consorcios provinciais contra incendios e salvamento, parques de bombeiros das cidades ou Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES)- para coordinar o envío de apoio ás persoas afectadas pola Dana en Valencia tras a petición de novos medios por parte da Comunidade Valenciana.
Así, a Xunta centralizará e coordinará o envío de profesionais e medios de emerxencias que se realicen desde Galicia e que sexan requiridos desde o Centro de Coordinación de Emerxencias da Generalitat valenciana.
Realizarase a través do 112 Galicia para que as distintas administracións e organismos poidan comunicar os seus medios dispoñibles e estes datos trasladaranse á Comunidade Valenciana e ao Centro Nacional de Seguimiento e Coordinación de Emerxencias (CENEM).
Tras o encontro de hoxe estase a realizar un reconto dos medios demandados que irán destinados á limpeza das rúas que permitan restablecer a comunicación como está a demandar a Comunidade Valenciana nestes momentos para facilitar así a chegada dos servizos de emerxencias.
Este primeiro envío está previsto que se faga de forma inmediata entre o domingo e o luns.
No encontro de hoxe tamén participaron representantes da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) -incluíndo o Grupo de Apoio Loxístico da Axega (Gali)- da Policía Autonómica, do Grupo de Intervención en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) e doutras asociacións como as provinciais de voluntarios de Protección Civil, a Unidade Canina de Rescate Cans de Salvamento de Galicia (Casaga), IAE Rescue, Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (Briegal) e Cruz Vermella.
Como lembrou o conselleiro de Presidencia, a Xunta enviou esta semana a Valencia o helicóptero Pesca I de Gardacostas de Galicia para participar nos operativos de busca e rescate de persoas en zonas afectadas pola Dana, e formou parte de dous dispositivos nos que non se localizou a ninguén.
Diego Calvo incidiu que a Xunta está a disposición da Comunidade Valenciana nos medios que demande para colaborar nas tarefas que os centros de mando da autonomía soliciten.