Solucionar os problemas que se rexistran na VG-4.1, o coñecido como corredor do Salnés, entre Sanxenxo e A Lanzada, está entre as prioridades do goberno galego.
Pero, probablemente, non sexa co desdobramento do viario como pedían desde O Grove.
Así o suxeriu este venres o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que preguntado sobre esta cuestión durante un acto celebrado na Finca Atlántida, no Grove, asegurou que "tentaremos actuar con racionalidade".
Explicou que o executivo autonómico "antes de abrir novas vías" optou por terminar as que xa existen na actualidade, entre eles, a Autovía do Salnés.
Farano, segundo Rueda, tras o rescate do "peaxe na sombra" que Galicia seguía pagando á concesionaria desta autovía por cada vehículo que circulaba por ela.
Con esa tramitación finalizada, a Xunta estuda agora a forma de dar unha "solución racional" aos "picos de tráfico" e os atascos que, fundamentalmente, se rexistran nos meses estivais.
"Intentaremos mitigar todo iso", asegurou o presidente galego, que aclarou que "iso non quere dicir que vaia a ser un desdobramento total".
No seu lugar, o executivo autonómico prefire buscar "algún tipo de solución" para resolver esta problemática. "Creo que é necesario", subliñou Alfonso Rueda.
Cando os técnicos teñan "totalmente decidido" que actuación se abordará sobre este corredor "o anunciaremos", garantiu o titular da Xunta.