A Xunta anuncia unha partida de 3 millóns de euros para a dragaxe do Lérez

Pontevedra
16 de outubro 2024

Avanzouno este mércores o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, nunha visita á Confraría de pescadores de Lourizán

Lodo no río Lérez con marea baixa
Lodo no río Lérez con marea baixa / Mónica Patxot

O proxecto de dragaxe do río Lérez ao seu paso por Pontevedra, así como da canle de acceso ao porto, está un pouco máis preto de desbloquearse.

A Xunta de Galicia anunciou a súa intención de aprobar, este mesmo xoves, unha partida orzamentaria plurianual de 3 millóns de euros para sufragar este proxecto, parado desde o ano 2021.

Así o avanzou o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, nunha visita á Confraría de pescadores de Lourizán na que mantivo unha reunión de traballo co presidente da Federación de Confrarías da provincia de Pontevedra e a patroa maior de Lourizán.

Trátase dunha partida que se incluirá nos orzamentos xerais da Xunta para 2025 á espera, aseguran, de que o Goberno central autorice un punto de vertedura dos áridos que se extraian do fondo mariño.

Neste sentido a administración autonómica incidiu en que foi o Ministerio de Transición Ecolóxica o que decidiu en 2021 non autorizar máis verteduras de áridos no punto exterior de Sálvora, como se viña realizando nas últimas dúas décadas, desencadeando o bloqueo do proxecto.