A Xunta vén de activar desde esta tarde a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Por este motivo, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, tamén anunciou desde a Secretaría Xeral para o Deporte da suspensión da actividade deportiva no mar nos concellos afectados, ao tempo que informou á comunidade deportiva da necesidade de revisar o acceso ás instalacións e os sumidoiros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a tarde de hoxe en toda a costa coruñesa por vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinada do suroeste con ondas de ata cinco metros.
O litoral pontevedrés, que hoxe está en alerta amarela, pasará a nivel laranxa a primeiras horas da xornada de mañá.
Ademais, ao longo do día de hoxe prevese alerta amarela por precipitacións de ata 40 milímetros en 12 horas no oeste e suroeste da Coruña e rachas de vento de ata 80 quilómetros por hora nestas zonas e no noroeste coruñés, na Mariña lucense e no interior de Pontevedra.
Na xornada de mañá, manteranse estes avisos de nivel amarelo e, no caso da alerta por chuvia, acadará as zonas das Rías Baixas, Miño e o interior da provincia pontevedresa, mentres que o aviso amarelo por vento estenderase ao interior da Coruña e á montaña de Ourense.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112, que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.