A Xunta mellorará 27 marquesiñas das rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra

Pontevedra
21 de outubro 2024

Actuarase en dez vías autonómicas ao paso polos concellos da Lama, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Estrada e Forcarei

Marquesiña do transporte público
Marquesiña do transporte público / Xunta de Galicia

O Consello da Xunta aprobou este luns someter a información pública o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 27 paradas de autobús situadas en dez concellos.

Esta actuación nas contornas de Pontevedra, do Salnés e de Tabeirós, suporá un investimento que rolda os 635.000 euros.

Actuarase no ámbito das rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra ao paso polos concellos da Lama, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Ponte Caldelas, Moraña, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Estrada e Forcarei

As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación.

A Xunta tamén deu conta este luns da aprobación dos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para o citado proxecto.

O proxecto someterase nas vindeiras semanas a información pública, con efectos expropiatorios, co obxectivo de poder licitar e executar as obras ao longo do ano 2025.

A Xunta ten previsto investir arredor de 35 millóns de euros para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.