A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o martes 22 de outubro o xuízo contra un home acusado de causar un incendio forestal.
Segundo o escrito de acusación, entre as 14:30 e as 15:10 horas do día 27 de setembro de 2007, o acusado ÿscar B.M, prendeu tres focos de lume na zona coñecida como Balcón do Rei, sita en Darbo (Cangas do Morrazo), provocando un incendio que afectou a 2,5 hectáreas de monte raso.
Segundo a Fiscalía, no momento de cometer estes feitos o acusado padecía un trastorno esquizo afectivo que lle provocaba unha "importante alteración da capacidade de xuízo" e unha "notable incapacidade para poder valorar de xeito axeitado a súa conduta".
Fora declarado "plenamente incapaz de rexer a súa persoa e bens"
Fora declarado "plenamente incapaz de rexer a súa persoa e bens" sendo sometido a tutela da Axencia madrileña para a Tutela de Adultos da Comunidade de Madrid por sentenza firme do xulgado de Primera Instancia número 78 de Madrid.
O monte era de titularidade do Monte Veciñal en Man Común da Parroquia de Darbo e sufriu danos e prexuízos en contía de 19.056,42 euros. Para a extinción do incendio a Xunta de Galicia empregou diversos medios humanos e mecánicos que xeraron gastos por valor de 66.627 euros.
O Ministerio Público considera que estes feitos son constitutivos dun delito de incendio forestal polos que piden penas de tres meses de prisión e unha multa de tres meses cunha cota diaria de catro euros. O acusado indemnizará á Comunidade de Montes e á Xunta polos danos e prexuízos causados e os gastos de extinción, respondendo dos pagamentos con carácter subsidiario a Axencia Madrileña para a Tutela de Adultos da Comunidade de Madrid.