A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves 12 de decembro o xuízo contra un home acusado de prender lume ao hórreo do parque de Campolongo para queimar vivo a un indixente que durmía dentro.
A Fiscalía solicita unha condena de sete anos e seis meses de prisión para este home como autor dun delito de homicidio en grao de tentativa.
Segundo relata o escrito de acusación do Ministerio Público, á unha da madrugada do pasado 5 de marzo, o acusado achegouse ao hórreo de Campolongo onde durmía o indixente e "co propósito de acabar coa súa vida, abriu a porta e, tras gritarlle que o ía a matar, prendeu lume ao interior do hórreo".
A vítima conseguiu escapar das lapas.
A consecuencia do incendio producíronse danos no hórreo que é propiedade do Concello de Pontevedra, cuxa reparación foi valorada en 2.677,50 euros, dos cales 1.180 euros correspóndense á substitución de madeira e 450 euros ao tratamento de limpeza da pedra, ademais dos impostos e gastos correspondentes.
Ademais queimáronse diversos efectos pertencentes á vítima que este gardaba no interior do hórreo, tales como DNI, tarxeta bancaria e roupa, entre outros, cuxo valor non foi pericialmente valorado, ademais de 450 euros en efectivo.
O procesado estivo privado de liberdade por esta causa desde o 8 de marzo de 2024 no que se acordou a prisión provisional polo Xulgado de Instrución número 1 até o 4 de xuño de 2024, en que foi posto en liberdade e acordáronse como medidas cautelares a prohibición de aproximase nun radio inferior a 150 metros á vítima e de comunicase con el por calquera medio.
Ademais da pena de cárcere, a Fiscalía solicita nove anos de afastamento e prohibición de comunicación, e o pago de indemnizacións equivalentes ao valor dos danos causados polo incendio.