A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves un home acusado dunha grave agresión rexistrada na rúa Michelena en xullo de 2022, na que a vítima sufriu importantes feridas e acabou na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra revisará o caso, no que a Fiscalía pide para o acusado nove anos e medio de prisión como autor dun delito de lesións.
Ademais, pide que se lle aplique a prohibición de achegase a 150 metros da súa vítima ou comunicarse con el durante 12 anos e deberá indemnizalo con 151.000 euros.
A elevada indemnización repártese da seguinte forma: 15.000 euros polas lesións sufridas, 95.000 euros polas secuelas, 32.000 euros polo prexuízo estético, 4.000 euros polas dúas intervencións cirúrxicas ás que tivo que someterse e 5.000 euros polo prexuízo moral. Tamén deberá indemnizar ao Sergas con 20.016 euros polos gastos xerados.
Os feitos ocorreron o 22 de xullo de 2022 sobre as 5:30 horas da madrugada e inicialmente investigáronse como unha agresión grupal pola que foron detidas cinco persoas, aínda que finalmente tan só está acusado un veciño de Pontevedra.
Este acusado ía cun grupo de amigos pola rúa Michelena cando se cruzou coa súa vítima e iniciouse unha discusión entre ambos. O acusado, segundo o fiscal, "aproximouse en estado de agresividade extrema" e agrediuno, propinándolle unha forte puñada na cara.
O agredido caeu ao chan e impactou coa cabeza na beirarrúa, perdendo a consciencia durante varios minutos.
A vítima, un mozo de entre 20 e 30 anos, sufriu lesións graves polas que ingresou na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Tardou 231 días en curarse, dos cales 33 días foron de prexuízo moi grave, 23 días de prexuízo grave, 154 días de prexuízo moderado e 21 días de prexuízo básico. Quedaron secuelas.
O acusado estivo en prisión por estes feitos entre o 9 de agosto e o 22 de decembro de 2022 e desde entón está en liberdade provisional con orde de afastamento sobre a súa vítima.