Xuízo contra unha preferentista de 82 anos con andador por saltarse un cordón policial

Pontevedra
07 de abril 2015

O 3 de xullo do ano 2013, Domitila foi multada pola Garda Civil pola súa presunta "conduta violenta" xa que as forzas da orde entenderon que "alterou a orde pública". En total 200 euros de sanción "o mesmo que custou a andador"

Domitila Vicente, preferentista multada
Domitila Vicente, preferentista multada / PontevedraViva

Domitila Vicente Franco, de 82 anos e cun xeonllo afectado pola osteoporose o que lle obriga a utilizar andadeira, presentouse este martes no Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra por "saltarse un cordón policial", durante unha mobilización da Plataforma de Afectados polas Preferentes de Baixo Miño.

O 3 de xullo do ano 2013, Domitila foi multada pola Garda Civil pola súa presunta "conduta violenta" xa que as forzas da orde entenderon que "alterou a orde pública". En total 200 euros de sanción, "o mesmo que custou a andador".

Esta veciña do Baixo Miño participaba nunha concentración no Rosal. "Ía defender o que era meu, eu non peguei a ninguén", explicou. "Só fixen ruído, como ía saltar eu unhas vallas para entrar non Concello do Rosal se vou cun andador", deféndese Domitila.

Igualmente Fernando Asensio, de 70 anos, tamén esta acusado de "alterar a orde pública" e de ter un "comportamento agresivo", algo que rexeita totalmente. Aquel 3 de xullo acudiu á mobilización en contra do criterio do seu médico, padecía un cancro e en dous días ía pasar polo quirófano para ser operado, por iso cargaba cun pequeno asento para descansar cada pouco.

Fernando, emigrante durante 23 anos en Inglaterra, afirmaba estar apesarado, "é triste que pase algo así en no noso país. Eu nacín nunha ditadura e escapeime. Volvín coa democracia, pero estamos a volver atrás", asegurou.

Domitila e Fernando, xunto a Ana Belén Álvarez, Américo Álvarez e Eugenio Domínguez, foron as cinco persoas multadas do Baixo Miño, que hoxe acudiron aos xulgados de Pontevedra acompañados por un numeroso grupo de veciños que lles trasladou o seu apoio acusando de "sarta de mentiras" ás sancións e culpando de todo ao Partido Popular.

Segundo informou o voceiro da Plataforma, Xulio Vicente, os xulgados aínda teñen pendente de resolver máis de 40 recursos a outras tantas multas por supostos excesos nas protestas.

Ademais explicou que dos 18 xuízos por multas que xa se celebraron, 10 tiveron sentenza, en nove casos favorable aos multados "e non entendemos por que perdemos unha", concluíu.