A reunión mantida pola Mesa da Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio decidiu convocar unha concentración de protesta este xoves 7 de xullo para esixir ao Servizo Galego de Saúde a dotación de persoal médico no consultorio de Raxó.
Desde o Concello denuncian que o consultorio desta parroquia atópase aberto desde este luns 4 de xullo pero sen doutora. No centro unicamente permanece persoal de Servizos Xerais e de Enfermería, unha situación que provocou gran malestar entre a poboación da zona ao entender que non se garante o servizo que merece a veciñanza da zona.
A medida é consecuencia da decisión por parte da Consellería de Sanidade de non cubrir, en determinados casos, as baixas dos profesionais facultativos que marchan de vacacións e que en Raxó provoca que, ata o 15 de xullo, o centro sanitario careza de facultativo.
Desta forma a Mesa da Sanidade, da que forman parte todos os grupos políticos da corporación municipal e colectivos das parroquias de Raxó e Samieira, decidía realizar esta convocatoria de concentración que se desenvolverá a partir das 20.00 horas diante das portas do consultorio.
Os convocantes alertan de que esta situación en Raxó tamén ten consecuencias nas listas de espera e na saturación dos servizos nos centros de saúde de Anafáns e de Combarro, no municipio de Poio. A mesa estivo presidida polo alcalde, Luciano Sobral, e polos portavoces do BNG, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular. Tamén participaron representantes dos colectivos locais SCD Raxó e a Asociación de Veciños A Laxe.
Ademais, nesta reunión decidíase enviar un escrito oficial ao Sergas trasladando o malestar veciñal que provoca a medida e unha solicitude para manter un encontro urxente co xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez. Nesa entrevista, os responsables municipais insistirán en que se cubran as vacantes sanitarias en todos os centros de saúde do municipio e, ademais, aproveitarán para solicitarlle información sobre o futuro do consultorio de Raxó, ante a próxima xubilación da doutora asignada a este centro.
Desde o Concello lembran que a maioría de usuarios deste consultorio de Raxó son persoas de idade avanzada, dependentes á hora de poder trasladarse a outro centro de saúde para recibir a súa atención médica. No caso de que non se atendan as demandas veciñais, a Mesa da Defensa da Sanidade estudaría novos actos de protesta.