Cada última fin de semana de mes, "A cociña gourmet en conserva" volve ás aulas do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.
Alumnos e profesores únense para crear unha receita onde os productos gourmet de Conservas Pescamar son os protagonistas.
Nesta ocasión, desde as cociñas do Carlos Oroza propóñennos unha homenaxe á Noite de San Xoán cunha exquisita combinación de xoubas gourmet Pescamar e tres produtos tradicionais da nosa gastronomía: os pementos de Padrón, o pan de millo e o queixo San Simón.
Para preparar esta deliciosa receita de Xoubas Pescamar con aceite de brasa, pementos de padrón e pan de millo, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 Lata de xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar
- Pan de millo (150 g)
- Aceite de Xirasol (150 cc)
- Pementos de Padrón (250 g)
- Queixo San Simón da Costa (200 g)
Elaboración:
Para facer o aceite de brasa, utilizamos aceite de xirasol, introducímoslle unha brasa ardendo e deixámolo infusionar tapado 24 horas. Para quitar os restos da brasa, coamos cunha estameña ou trapo fino.
Utilizamos só a parte tenra do pan de millo, sen a cortiza. Esmiuzámolo en anacos moi pequenos.
Os pementos de Padrón fritímolos de forma tradicional. Quitámoslles o talo e triturámolos engadindo un pouco do aceite no que foron fritidos ata que a textura sexa cremosa.
Relamos o queixo San Simón sobre papel de forno facendo a forma que desexamos. Introducimos o queixo relado no forno a 180º C uns 10 minutos aproximadamente ata que estea fundido e unido. Arrefriamos.
Escoamos as xoubas gourmet Pescamar.
Presentación:
Poñemos o pan de millo esmiuzado na base do prato.
Enriba, as xoubas gourmet Pescamar ben escoadas.
Poñemos uns puntos da nosa crema de pementos de Padrón ao redor do prato.
Colocamos o noso triscante de queixo San Simón dándolle volume ao prato, intercalándoo entre as xoubas.
Para finalizar utilizaremos o aceite de brasa, regándoo nun fío fino tanto por riba das xoubas gourmet Pescamar como polo pan de millo sen chegar a empapar.
Decoraremos con algunhas herbas de litoral ou flores comestibles.