Se nada se torce, Xosé Manuel Buxán seguirá tres anos máis como decano da Facultade de Belas Artes. El encabeza a única candidatura ao proceso electoral aberto. Estará á fronte dun equipo renovado e coa modificación do plan de estudos do grao como principal reto.
Acompañarán a Buxán, que foi elixido decano por vez primeira en setembro de 2019, os docentes María José Fariña, José Castro, Ignacio Pérez-Jofre e Araceli Liste, se así o referenda a xunta de facultade nunha votación prevista para o 16 de marzo.
O candidato á reelección salienta que "consensuar" o cambio do plan de estudos do grao é a principal tarefa para o seu segundo mandato, despois de que ao longo destes tres anos unha comisión "traballase moito e con profundidade" na súa renovación.
Esta modificación leva á súa vez aparellada a necesidade de reordenar os espazos da facultade ou de seguir reforzando o papel da facultade "no contexto artístico e cultural galego".
Do seu primeiro período á fronte do centro, Buxán destaca como un dos aspectos máis positivos "ter conectado coas demandas socioculturais" ou o labor realizado para promover no centro un "espírito de colaboración e convivencia académica".
No lado "negativo", recoñece, está a "indefinición" que se mantén sobre o grao de Deseño, "que é algo que pode xerar certa inquedanza no devir futuro da facultade".