Xornada sen apenas cambios con 469 casos activos e 21 hospitalizados por covid-19

Pontevedra
24 de abril 2021

O incremento de casos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés parece frearse. A pesar do gran número de PCR realizadas nas últimas horas, unhas 1.412, tan só se detectaron 21 novos contaxios. Así, os casos activos por coronavirus sitúanse en 469, apenas tres máis dos que había onte

Xente paseando con máscaras en Pontevedra
Xente paseando con máscaras en Pontevedra /

O incremento de casos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés parece frearse. A pesar do gran número de PCR realizadas nas últimas horas, unhas 1.412, tan só se detectaron 21 novos contaxios.

Así, os casos activos por coronavirus sitúanse en 469, apenas tres máis dos que había onte, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde.

Os pacientes hospitalizados, pola súa banda, son 21, catro menos dos que estaban ingresados este venres entre os tres centros hospitalarios da área pontevedresa. 

A maior parte destes pacientes (11) están en sendo atendidos en Montecelo. Cinco máis están no Hospital do Salnés e non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Pola súa banda, hai cinco pacientes ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. Son os mesmos que rexistraba o último balance de Sanidade.

O resto dos que contraeron o virus, outras 448 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 12.776 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 18 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 171 falecementos asociados ao virus. O último, un home de 88 anos que estaba ingresado en Montecelo.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 204.925, 1.412 nas últimas horas. Delas, 22 deron positivo (1,55%). A estas probas súmanse as 104.987 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.977, 38 máis que o día anterior. Deles 729 son da área da Coruña, 205 da de Lugo, 265 da de Ourense, 469 da de Pontevedra, 843 da área de Vigo, 346 da de Santiago e 120 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 43 están en UCI, 146 en unidades de hospitalización e 2.788 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 115.680 persoas curadas, rexistrándose 2.381 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.000.080 probas PCR, 7.145 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 181 novos infectados.