O Mundial de Dúatlon, que se celebrará en Pontevedra entre o 31 de maio e o 1 de xuño, segue dando pasos. Este sábado celebrouse a xornada de formación obrigatoria para o voluntariado que participará neste evento. Nestes momentos, o Mundial conta cun colectivo de case 500 voluntarios.
A formación obrigatoria tivo lugar na sede do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, que é a sede oficial do voluntariado, tras a firma dun convenio de colaboración entre Concello de Pontevedra e o Casino a semana pasada. Da fachada dese edificio colga xa unha lona anunciando a oficina de voluntariado do CMD2014.
Dentro de dúas semanas seran a quenda da formación voluntaria, que vai consistir en tres cursos: turismo básico de Pontevedra, primeiros auxilios e inglés básico relacionado co dúatlon.