Xornada de festa en Vilaboa co encontro de entroidos ancestrais de España e Portugal

Vilaboa
14 de xullo 2024

Máis de catrocentas persoas achegáronse ata Vilaboa para dar visibilidade e poñer en valor o patrimonio inmaterial e cultural que representan os entroidos asistentes, transmitindo tradicións seculares a través da vestimenta, baile, música e identidade de cada comarca

Encontro de Entroidos tradicionais en Riomaior
Encontro de Entroidos tradicionais en Riomaior / Concello de Vilaboa

As madamas e galáns de Cobres foron os anfitrións do sexto Encontro de Entroidos que se celebrou en Riomaior (Vilaboa) e que xuntou a representantes de diversos entroidos ancestrais de toda a península ibérica.

Máis de catrocentas persoas achegáronse ata Vilaboa para dar visibilidade e poñer en valor o patrimonio inmaterial e cultural que representan os entroidos asistentes, transmitindo tradicións seculares a través da vestimenta, baile, música e identidade de cada comarca.

Así, desde León chegaron por vez primeira os representantes do Entroido de Igüeña, as burras de Tremor de Arriba e o touro de espiña, que se sumaron a outros visitantes habituais.

Repetiron nesta mostra os Caretos de Lazarim, de Lamego en Portugal; ou os Caretos de Arcas, que veñen de Macedo de Cavaleiros, na Braganza. A estes tamén se uniron os Guirrios e Madamitas de Cimanes del Tejar (León).

Cantabria estivo representada co entroido Andruido en la Paré de Piasca e Zamora co Atenazador de San Vicente de la Cabeza.

A nivel galego, dende Salceda de Caselas chegou o Rancho Entroido da Feira e dende Ponteareas, as Perriñas e Mudados de Ribadetea.

Tamén estiveron en Vilaboa os Xenerais da Ulla ou as Madamas e Danzantes do Entroido de Salcedo, que se achegaron a este encontro desde A Pobra do Brollón, en Lugo.

O evento, que incluíu un espectacular desfile dos participantes, tivo tamén diversas actuacións musicais, inchables para os cativos, un mercado de artesanía e pezas de segunda man, un espectáculo de humor con Leti da Taberna ou degustacións gastronómicas.