Xornada complicada a deste sábado 25 de xuño no Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda.
Durante parte da mañá o centro de saúde quedou sen médicos ao ter que acudir dous facultativos a senllas atencións domiciliarias, o que provocou a saturación do PAC e longas esperas entre os pacientes que alí se atopaban ou que chegaban ás instalacións buscando atención.
"Hai cola na porta para coller cita e dentro hai tanta xente que non cabe máis e temos que esperar fóra", explicaron pacientes afectados.
Algúns enfermos de feito, ante o panorama, decidiron abandonar A Parda sen ser atendidos.
Varias circunstancias contribuíron tamén á saturación, ao ser o venres unha xornada festiva sen atención primaria nos centros de saúde xunto á onda de virus comúns que está a afectar á poboación desde que se decretase o fin da máscara obrigatoria.