Pasar un día en familia e en galego. Así se expuxo a festa do programa Apego celebrada este sábado na Illa das Esculturas.
Estaban chamadas a participar as 200 familias pontevedresas que tomaron parte nun proxecto que chegou a case 3.000 persoas de 23 municipios.
Apego é unha iniciativa creada para fomentar e mellorar a trasmisión e utilización da lingua galega no ámbito familiar.
A festa contaba cun amplo programa de actividades para toda a familia, e en especial para os máis pequenos, a quen se lle quere proporcionar a opción de crecer a través do seu idioma de forma natural.
Música, contos e xogos diversos animaron a xornada desde o seu inicio, ás 12:00 horas, con actividades programadas ata as 19:00 horas.