Tres mulleres, todas elas nais, decidiron hai apenas un ano unir os seus camiños e, á vista de que todas tiñan unha visión similar sobre a crianza dos seus fillos, apostaron por un curioso proxecto emprendedor.
Trátase dunha tenda en Pontevedra que, baixo o nome "A Balea das Cores", aposta por introducir no mercado xoguetes educativos que axuden a que nenas e nenos se formen en igualdade e fágano "de maneira libre", como destacan as súas responsables.
O obxectivo destas tres nais, naturais de Pontevedra, Santiago e Redondela, é que todos eles "conten con recursos" para chegar a ser adultos "formados e con habilidades".
A tenda montárona na Boa Vila tras analizar "o ambiente que hai na cidade" e porque ademais, no seu proceso de procura de local, "nos enamoramos" do local que ocupa o establecemento, en plena rúa Castelao.
A este proxecto emprendedor, a Xunta de Galicia achegou unha axuda de 21.000 euros dentro do programa Emega, que trata de fomentar o emprendemento feminino e, desta forma, apoiar o empoderamento económico e social das mulleres.
Durante a súa visita a esta tenda de xoguetes educativos, Alfonso Rueda destacou que esta liña de axudas permite que as "boas ideas" das emprendedoras galegas "se poidan materializar e converterse en realidade".
O vicepresidente galego, que defendeu que en Galicia "hai moito talento feminino e a obriga da Xunta é estar aí", puxo en valor que as emprendedoras son "as que máis arriscan" e que programas como este son "fundamentais" para apoiar estes proxectos "no momento no que máis o necesitan, que é ao principio".