O videoxogos como un aliado da medicina que contribuen ao benestar físico e psicolóxico dos menores que se enfrontan a un tratamento oncolóxico.
Ese é o obxectivo da liña de traballo que desenvolven investigadores do grupo HealthyFit do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, e do grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, xunto o Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Vigo.
A través de programas de exercicio terapéutico de oito semanas, baseados no uso de videoxogos que implican movemento cuns lentes de realidade virtual, o propósito desta iniciativa é que os menores poidan realizar terapias baseadas no movemento, en momentos nos que non poden saír do domicilio.
Pablo Campo, investigador do grupo HealthyFit, sinala que "os videoxogos son algo próximo para eles e dannos a opción de que traballen un pouco desde o punto de vista físico e cognitivo".
En declaracións ao Diario da Universidade de Vigo, a doutora María Tallón, oncóloga pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro indicou que "os tratamentos de quimioterapia aos que teñen que enfrontarse os menores xeran unha serie de efectos adversos, como perda de masa muscular ou edemas, que o exercicio axuda a minimizar".
Ademáis este tipo de xogos axudan a unha mellor actitude psicolóxica, que favorece o seu proceso de recuperación. Esta tecnoloxía é atractiva e de fácil emprego polos nenos, o que supón un método moi axeitado para alcanzar estes obxectivos.
A iniciativa comezou cunha proba piloto cun mozo co que levouse a cabo un programa de oito semanas, cuns resultados "moi positivos", como recoñece Pablo Campo, investigador da Facultade de Fisioterapia.
Coa colaboración da asociación Bicos de Papel, a Fundación García Chillón e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), puido darse continuidade a esta iniciativa, na que participaron xa unha decena de nenos e adolescentes, de entre 6 e 16 anos.
Este grupo leva a cabo este programa nos seus domicilios despois de someterse á quimioterapia, durante o propio tratamento ou, "nalgúns casos, antes de inicialo", explica Campo, coa idea de que poidan afrontalo "nas mellores condicións físicas e funcionais".
Trátase dun programa cunhas pautas moi específicas, que implican a realización de sesións, cos videoxogos seleccionados, de entre cinco e nove minutos, un mínimo de tres días por semana e un máximo de seis, coa idea de que poidan levalos a cabo no momento no que o neno se atope mellor e con máis enerxía. Para iso, sinala, "contamos coa colaboración de pais e nais", cos que se realiza unha sesión informativa previa, "cun seguimento remoto dos equipos".
Ao inicio e remate do programa realízase ademais unha avaliación dirixida a coñecer a evolución dunha serie de variables antropométricas e de capacidades físicas e funcionais. Ata o de agora, "todos melloran a súa forza, equilibrio e resistencia cardiorrespiratoria, aspectos ligados á coordinación e tempos de resposta... ", recoñece Campo.
Nese senso, dar continuidade ao programa permitirá tamén seguir reunindo datos para levar a cabo unha investigación pioneira xa que, apunta, "ata onde chega o noso coñecemento non hai un programa parecido en ningún hospital español". De xeito paralelo tamén se realiza unha avaliación "de valores específicos de saúde mental e doutros aspectos relevantes", por parte da oncóloga pediátrica María Tallón, que formará parte da súa tese de doutoramento.